Pelexa con tiros ao aire e coiteladas en Ferrol: "Baixa, que mira o que teño para ti"
Dúas detidas, a dos tiros e a do coitelo, e unha ferida grave que pode perder un brazo
A lea comezou con berros e ameazas dende a rúa por unha suposta infidelidade
Hora de sobremesa e sesta, interrompida por insultos e ameazas a berros dende a rúa.
"Empecei a escoitar berros e xa pensei: 'Hai movida".
"Sentín uns tiros, os primeiros, pero despois houbo máis".
Nunha das moitas gravacións que circulan por redes, vese unha muller provocando a outra que se agocha no primeiro piso. Son novas e coméntase que entre elas hai un problema de infidelidades. A de riba non chega a baixar, pero responde ao desafío.
Contaron polo menos catro tiros.
"Os tiros foron dende unha casa. O que pasou na rúa realmente foi só arma branca, coitelo".
Unha terceira muller, familiar da autora dos disparos, pretende mediar, pero acaba levando a peor parte.
"Había unha muller tirada e antes de que chegase a ambulancia, un dos policías quixo levantala e o brazo practicamente quedaba solto".
Os charcos de sangue que salpican o asfalto dan unha idea da virulencia e da gravidade das feridas. Parece que o coitelo lle alcanzou a aorta e que corre o risco de perder o brazo.
"A familia estaba afectada e pedíanlle á policía que detivesen a muller que saíu correndo".
Desgraciadamente, no barrio están acostumados. Horas antes, a poucos metros, outra xente leouna forcada en man.
"Cando un deles se achegou para defenderse, o outro colleu a forcada e lanzoulla, primeiro cara un lado e despois, como non lle deu, volveuna e coller e lanzoulla cara o outro lado".
"Houbo aquí outra pelexa e casualmente estaban enriba do coche do meu fillo. Tamén con coitelos, e un dicíalle ao outro que o ía acoitelar".
Dúas das mulleres desta última lea, a do coitelo e a da pistola, están detidas. Na zona, respírase calma chicha, con rolda policial intensiva, porque non se descartan represalias.