Pesadelo dun matrimonio en Fene, entre pedradas e timbrazos de madrugada
Sospeitan que é rapazada que anda de troula: "Tomárona con esta casa"
Aos danos materiais súmase o nervosismo de non saber cando vai ser o seguinte susto
A pedrada na porta foi a última sorpresa, en plena madrugada.
"Sentimos un ruído e levantámonos, pero non abrimos a porta e cando nos levantamos pola mañá vimos a pedra no chan e a pedrada na porta", sinala Salvadora Vicente, a principal afectada xunto co seu marido.
Non foi a primeira e temen que non sexa a última. Levan anos soportando todo tipo de falcatruadas.
"Botan barro, madeira das beiravías..., figuras que tiñamos na porta, pedradas no coche, balíns nas persianas de riba".
"Unha vez que tiraron unha pedra, romperon o cristal da porta de dentro e xa está un queimado", engade o seu marido, Julio López.
"Timbrazos de noite, e asústaste", completa ela.
Timbrazos que lles rompen o sono e estragos materiais que lles condicionan a vida.
"Teño un cacho de beiravía no que podía poñer plantas, que me encantan, e figuras enriba do peche da casa, pero como xa empezaban coas pedradas, non puxemos nada para non atraelos", lamenta Salvadora.
"O problema é que non sabemos quen son porque ao ser de noite, tan tarde", engade Julio.
Non hai disputas, nin conflitos cos veciños. Nin hai un por que. Están convencidos de que son ganas de troula da mala.
"Sentes xuventude pasar para riba e para baixo e xa estás pendente. Sentes impotencia porque é algo que non podes imaxinar. Déitaste e estás pendente de se hai ruídos. Tomárona con esta casa", confesa a muller.
Seica lles fan chiste as casas con patio porque pasou algo parecido só uns metros máis alá.
"A nós tiráronnos unha pedra á ventá dúas veces. Dáte conta que dentro dorme o meu fillo. Imaxina que pasaría se vai para dentro porque foi con moita forza. Eu penso que dende a beiravía porque dentro non entraron", coincide no relato Maruja Fachal, unha veciña.
"Fixo moito estrago e houbo unha segunda vez que non estaba na casa e rachou outro ventanal. Sempre coincide con algún tipo de festa", explica o fillo, Rubén Mosquera.
Senten desacougo, carraxe e tamén medo. É tal a impotencia que chegaron a pensar en vender a casa.