Unha nova pelexa na zona da rúa Barcelona na Coruña volve erguer as voces de protesta dos veciños
A veciñanza asegura que practicamente todos os días se produce algún altercado
A última lea, rexistrada de madrugada en plena rúa, volveu provocar momentos de tensión e preocupación entre os veciños desta zona do barrio da Agra do Orzán.
"Eu escoitei o balbordo. Primeiro comezaron a berrar, había un follón moi grande...". "Eu os paus non os vin, pero os coitelos, si". "Dixeron que desta volta fora sonada. Un punto máis do que soe ser habitual". "Foi horrible. E o sangue que había!".
E segundo conta a veciñanza, horas antes xa houbera outra pelexa.
"Pola mañá, preto dunha panadería".
A sucesión de episodios deste tipo xeran inseguridade e inquedanza entre os que viven na zona.
"A min quixéronme roubar. Non podes levar unha cadea nin cartos. Nin ir ao caixeiro porque hai unhas pelexas inmensas".
A última pelexa obrigou a intervir a Policía para poñerlle fin. Os axentes prenderon dous homes que presentaban feridas e trasladáronos ao CHUAC onde recibiron asistencia médica. Pouco despois déronlles a alta e tras estaren detidos en Lonzas, pasaron a disposición xudicial.