Publicador de contidos

Publicador de contidos

A alerta por seca mantense en 32 concellos a pesar da chuvia

A alerta por seca mantense en 32 concellos a pesar da chuvia

Nos datos dos encoros ao 24 de agosto "aínda non se observa unha recuperación das reservas"

G24.gal 26/08/2026 13:15

A chuvia dos últimos días en Galicia non permite aínda unha recuperación suficiente das reservas dos encoros, polo que a Xunta decidiu manter a alerta por seca -o segundo nivel máis grave- en 32 concellos de Pontevedra e da Coruña, así como a situación de prealerta por escaseza moderada en 59 localidades.

A decisión foi tomada este mércores pola Oficina Técnica da Seca, ao constatar que nos datos dos encoros ao 24 de agosto "aínda non se observa unha recuperación das reservas, e agora é necesario avaliar o efecto desas precipitacións sobre os caudais dos ríos e os indicadores de escaseza", explicou a Consellería de Medio Ambiente.

O Plan especial de seca de Galicia-Costa establece condicións de saída dos escenarios que esixen unha "recuperación suficientemente consolidada dos indicadores, polo que un episodio puntual de chuvia non implica automaticamente levantar unha prealerta ou unha alerta", engadiu.

Durante a reunión da Oficina Técnica da Seca, os técnicos tiveron en conta tanto os datos meteorolóxicos como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza.

Con base niso, determinaron que as precipitacións rexistradas nos últimos días aínda non se reflicten nos indicadores empregados para facer a avaliación, polo que o seu efecto deberá analizarse no seguinte informe.

Os encoros de Galicia-Costa están no 62,5 % da súa capacidade, 11,4 puntos porcentuais por baixo do nivel rexistrado nas mesmas datas do ano pasado.

Os municipios afectados pola alerta son os englobados nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo, así como Baiona, onde non se chegou a declarar a alerta pero si se aplican medidas equivalentes a ese escenario.

No sistema do Lérez están Beariz, Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda e Vilaboa.

Na conca do Anllóns, son Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia e Zas.

Ademais, están en prealerta os 59 municipios doutras catro unidades territoriais, as do río Tambre e ría de Muros; do río Grande, en Camariñas; do río Mandeo e ría de Betanzos, e do río Landro e río Ouro.

A alerta por seca supón a adopción de medidas para conservar os recursos hidráulicos existentes, tales como a prohibición de usos prescindibles como baldear rúas, encher piscinas, regar xardíns e, se fose necesario, cortes de auga puntuais.

Pola súa banda, a prealerta implica un "seguimento intensivo" da situación meteorolóxica, os niveis de ríos e encoros e as posibles incidencias detectadas, con medidas de concienciación á cidadanía para facer un uso responsable da auga. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade