Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ánxeles Vázquez: "Non temos que ter pavor a dicir é que hai que encorar máis auga"

Ánxeles Vázquez: "Non temos que ter pavor a dicir é que hai que encorar máis auga"

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático aclara que "non dicimos que imos facer encoros en toda Galicia", pero cre que "hai veces que pequenas infraestruturas que poden salvar certas situacións que agora mesmo son incómodas"

Vázquez insiste no uso responsable do recurso, no traballo para solucionar o problema das perdas na subministración e en camiñar cara á reutilización da auga

G24.gal 21/08/2026 09:18

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, cre que hai que afrontar sen medo o debate sobre o abastecemento de auga e as súas solucións, e "non temos que ter pavor a dicir é que hai que encorar máis auga".

"E cando dicimos iso, non dicimos que imos facer encoros en toda Galicia, que teñen que ser enormes. Non. É que hai veces que temos que facer pequenas infraestruturas que poden salvar certas situacións que agora mesmo son incómodas", asegurou este venres a conselleira nunha entrevisa no informativo Bos días.

"A situación non é dramática"

O da seca e o tratamento da auga "é un reto que temos enriba da mesa e no que temos estar todos involucrados", cre a responsable de Medio Ambiente da Xunta.

Con todo, e pese a alerta na que están 32 concellos, e de que outros 35 están en prealerta, Vázques di que "a situación non é dramática. Non estamos vivindo unha seca xeneralizada".

"Estamos vivindo un momento puntual en distintas zonas onde hai que tomar medidas, e para iso hai un plan, que a Xunta desenvolveu desde o ano 2022 a través e Augas de Galicia", explica. "Nos concellos que están en alerta, ligados aos ríos Lérez e Anllóns, aí hai prohibicións e dentro delas hai cousas que podemos deixar de permitirnos como encher as piscinas, ou lavar os coches, ou regar os xardíns, entre outras cousas. Pero non só pasa por iso, senón que hai que ter unha planificación, de presente e de futuro".

"Estamos nun 20 % de perdas"

"O fundamental é aproveitar mellor os nosos recursos hídricos, e iso pasa primeiro porque non teñamos perdas, que non teñamos fugas na nosa rede", defende a conselleira, quen cre que "en Galicia segue habendo moitas e por iso levamos tamén tempo cunhas axudas do cen por cento para facer auditorías, que ao mesmo tempo veñen ligadas a outras axudas para cambiar esas redes".

"A auga deixou de ser un recurso infinito", conclúe, e "toca reflexionar. Non podemos asfaltar só as rúas, temos que ver como temos as tubaxes e esa é a realidade. E a Xunta de Galicia está aí ao carón dos concellos".

"Estamos nun 20 % de perdas. Ocorre nos pequenso concellos e tamén nos grandes, e temos que atallalo", di Ánxeles Vázquez, quen explica esta problemática das fugas de auga tras rematar un plan que se dirixiu aos concellos de menos de 20.000 habitantes para estudar a situación "desde o captan a auga ata onde chega".

"Hai que abrir certos debates"

"E de xeito paulatino hai que seguir avanzando, porque cando vas pola rúa dinche: como é posible que co choveu no inverno esteamos nesta situación? Choveu durante dous meses de maneira consecutiva, pero é que tivemos a primavera máis seca dos últimos anos, e levamos o mes de xuño e xullo que foron o máis seco e o máis cálido, polo que houbo moita evaporación, da serie histórica, e iso notouse", di Vázquez, quen sitúa o debate no almacenamento de auga.

"Temos que ser conscientes de que chove, a auga vai aos ríos, e nós temos uns ríos moi curtos, e a auga acaba no mar", di. "Temos un problema que está enriba da mesa, que non é alarmante, é unha preocupación, pero Galicia non vai quedar sen auga. Pero hai que abrir certos debates".

"Por un lado está o estudo que estamos facendo das augas subterráneas", explica a conselleira. "Estamos rematando a dixitalización. Pero esas augas subterráneas solucinarían o problema en pequenos concellos, pequenas parroquias ou aldeas, que tamén son fundamentais. Ao igual que o poden ser os pozos de barrena, que levamos dous anos dando axudas, que son sete millóns de euros".

"Non estamos pensando agora mesmo en construír encoros por toda Galicia"

"Pero hai que planificar, non podemos agardar ao último momento", sinala. "E para iso hai que facer as auditorias e facer o plan de seca. Son 104 concellos os que teñen un plan de seca, pero é que somos 313, co cal hai que seguir avanzando porque de súpeto non podemos dicir é que temos que embalsar aquí ou facer un pozo de auga subterránea noutro lado".

E nese punto, Vázquez cre que "non temos que ter pavor a dicir é que hai que encorar máis auga".

Pero sinala ao mesmo tempo que "non estamos pensando agora mesmo en construír encoros por toda Galicia. Tampouco estamos pensando en ampliar certos encoros, pero é un debate que debemos poñer sobre a mesa e é tan lóxico como dicir chove moito, pero a auga acaba no mar".

"Hai estudos técnicos enriba da mesa, deixémonos de debates absurdos, centrémonos na parte técnica, porque ao final o resultado ten que ser dar solucións ás persoas", anticipa a conselleira ante as críticas que se poidan suscitar.

"Hai que utilizar mellor as infraestruturas"

"É unha idea máis. A primordial, sen dúbida, é saber aproveitar os recursos que temos agora mesmo, e para iso temos infraestruturas que moitas veces están desaproveitadas. É que seguimos coa idade dos límites entre concellos. Non, acabouse iso dos límites", sinala.

E respecto a división territorial, Ánxeles Vázquez cre que "non podemos ter a cerrazón de que a auga é miña e deste concello. Non. A auga é dos galegos e das galegas, e polo tanto hai que utilizar mellor as infraestruturas".

E a este respecto pon dous exemplos: as áreas de Vigo e de Pontevedra: "Cando nun momento determinado a Xunta de Galicia fixo unha obra de emerxencia, que está rematando agora mesmo, que é no encoro de Eiras, con máis de 4 millóns de euros, non estabamos falando de Vigo, estabamos falando de toda a comarca. Se non fixésemos esa obra, agora mesmo teriamos un problemón terrible en Vigo e tamén nos concellos da contorna".

"Cando falamos de Pontevedra, pois temos que dicir que ten unha concesión de 200 litros por segundo desde o ano 1965, e sabemos que agora mesmo o consumo se triplica e, polo tanto, temos que facer unha mancomunidade si ou si".

"Temos que ir cara á reutilización"

"Non nos podemos acordar só de santa Bárbara cando trona. Isto é unha planificación que se fai ano tras ano, de inverno para verán, igual que agora no verán estamos traballando pensando nas inundacións". "Eu a mensaxe que teño que dar é tranquilidade, pero dentro diso temos que ser conscientes que non podemos abrir a billa sen máis. E efectivamente tamén están as empresas, algunhas con moito consumo, e temos que ir á cara á reutilización e a recirculización", conclúe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade