Mallan nun home con paus e pedras por unha débeda de 30 euros en Cangas
Os agresores son tres persoas, dous homes e unha muller, aos que coñece e a quen non quere denunciar por medo
A vítima saíu da casa como puido para pedir auxilio na casa duns veciños: "Había un charco de sangue aquí no porche"
Recibiu os seus agresores dentro da casa. Tiñan negocios pendentes pero nin el mesmo esperaba tal violencia. Prendeu a mecha e saltaron algo máis ca chispas.
"Debíalle a un deles uns 30 euros máis ou menos, pero nunca o vira para pagarllo, non era a miña intención quedar a deber... Pola débeda non vén esta rabia..., é inquina, ganas gratuítas de facer mal. As cousas fálanse", dóese a vítima.
Pegáronlle con canto colleron á man: paus, cadeiras que quedaron esnaquizadas e tamén co que xa traian preparado.
"Pedras metidas nunha tea para arrear e que non queden marcas, digo eu. Estaba premeditado. Xa viñan co artefacto", explica ensinando ese saco.
Caéronlle por todo o corpo. Onde máis, na cabeza, cosida con grampas. Sorte que lle deu por saír da casa, por buscar auxilio
"Déronme por todos os lados, na cabeza con pedras".
"Había unha parella, un home e unha muller vestida de negro, e o home dáballe con paus na cabeza e marcharon nun coche. El sangraba pola cabeza", conta unha veciña.
"Entraron aqui dentro e no porche deixou un charco de sangue porque se sentou alí a pedir axuda. Debéronlle dar coas miñas regras de traballo porque había sangue nunha e salpicaduras na parede", engade un albanel que traballa na casa de en fronte.
Conta que lle levaron o móbil e os cartos, pero nin con esas quere denunciar, porque sabe o que hai.
"Veñen rapaces e séntese ruído. Algo lle tiran e chaman por el, petan na porta, rómpena que se ve, ten cadeados", confirma a veciña.
É a linguaxe propia dun submundo onde unha vida non chega aos 30 euros.