Veciños de Vilalba piden reforzar as medidas de seguridade viaria na avenida Terra Chá
A vía multiplicou o volume de tráfico tras a conversión da rúa Pravia en unidireccional
Aseguran que os accidentes son frecuentes
Veciños de Vilalba reclaman mellorar a seguridade na avenida da Terra Chá coa implantación de bandas redutoras ou o regreso á liña continua que prohiba os adiantamentos.
Hai preocupación porque, ademais, en apenas dúas semanas rexistráronse dous accidentes de certa consideración.
Dende que a principal rúa de Vilalba pasou a ser unidireccional, o tráfico multiplicouse na avenida Terra Chá.
"Non poden ir polo centro da vila coma antes. Todos os que veñen de Mondoñedo e van dirección Lugo teñen que pasar por aquí", comenta unha veciña.
Complicado para os peóns..."Aquí non temos para cruzar. Moi perigoso, ben se ve". Pero tamén para os vehículos. Quéixanse os condutores da escasa visibilidade.
"A xente aparca en zona amarela e hai pouca visibilidade. Hai un espello, pero cando medran as pólas nin se ve nada".
Factores que se traducen en incidentes de tráfico.
"Ao poñer dirección única en Pravia, multiplicouse o tráfico e hai accidentes case todos os días", di outra veciña.
Queixas tamén pola velocidade. Os veciños urxen a mellorar a seguridade viaria na zona. Piden a instalación de redutores de velocidade e que poña liña continua para prohibir adiantamentos.