Os veciños de Novo Mesoiro, en pé de guerra contra os roubos de balizas
Levan varias noites sufrindo roubos en coches para levarlles a baliza, moitas do paquete
Lamentan os furtos pero, sobre todo, os danos e os trastornos que causan os furtos
É a imaxe repetida coa que están amencendo no Novo Mesoiro, un barrio da Coruña xeralmente tranquilo.
"Levan varias noites entrando no aparcadoiro e, de feito, romperon a porta do garaxe".
"Entran nos coches e rompen os cristais".
O modus operandi repítese e o que lles interesa dos coches tamén.
"Rouban as balizas. No meu caso tiña unha caixa de ferramentas e non a levaron. Só levaron a baliza. E o problema non é a baliza que custa 30 euros pero rompen o cristal, hai que ir ao seguro, facer a denuncia...".
"Eu baixo todos os días mirar porque teño unha furgoneta de empresa con caixa de ferramentas e tiven a sorte de que non romperon a lúa. Din que só lles interesan as balizas. Supoño que para conseguir datos ou para revender".
Suponse que para revender porque, de feito, estanse dando furtos similares noutras zonas da cidade.
"Non é algo específico do noso barrio. É algo de toda a Coruña. Unha rúa dos Maios, roubaron en seis coches nunha noite e levaron a baliza".
"A zona é tan tranquila que aburre, pero de vez en cando ocorren estas parvadas".
Parvadas, si, pero non é un caso, nin dous nin tres... Van a eito. Na rúa Illas Cíes, entraron en varios portais seguidos, un detrás do outro. Mesmo hai vítimas reincidentes.
"Penso que a primeira vez lles saíu ben a faena e volveron a repetir na mesma semana, catro veces no mesmo coche e ao final, xa o deixas a aberto e baleiro para que entren e que fagan o que queiran".
Fartos da situación, e para compensar a escasa presenza policial, os veciños tomaron cartas no asunto.
"Están realizando gardas os veciños, por quendas. Están participando ata 15 veciños, que se poñen de acordo para mirar e vixiar que non entren porque van varias noites. Deben levar unha semana".
De algo debeu valer, porque polo menos esta noite non houbo sustos, polo menos que se soubese.