Denuncian a ocupacion dun inmoble no barrio compostelán do Sar
A veciñanza asegura que a policía identificou varias persoas pero aínda seguen no lugar
Relata a veciñanza que foi a mediados desta semana cando se percataron de que a pechadura dun inmoble no barrio compostelán do Sar estaba rebentada e no interior da edificación había varias persoas.
O local, que no seu día acolleu unha ferrería próxima a unha coñecida sala de concertos, ao parecer levaba algúns anos sen actividade aínda que estaba previsto unha futura urbanización do local, comentan os residentes.
Tamén relataron que a finais desta semana pasada varias unidades policiais presentáronse no local e identificaron as persoas que se atopaban no seu interior, pero a día de hoxe continúan no lugar.
Un equipo da Televisión de Galicia conseguiu falar cun dos ocupantes, que recoñeceu os feitos e comentou que a intención era empregar o local para realizar actividades culturais.
Varios veciños manifestaron a súa preocupación pola situación e estanse a organizar para atopar unha solución.