Os Baños de Outeiro de Ourense, consumidos polo abandono
O incendio da madrugada do venres agravou o deterioro dun histórico edificio termal marcado por anos de abandono e ocupacións
Non queda nada do seu antigo esplendor. Nin rastro das bañeiras de mármore nin da grifería de bronce. Xa non se achegan ata el os ourensáns que durante décadas fixeron dos Baños de Outeiro un referente do termalismo urbano.
“Non había baños en moitas casas e aquí había auga quente gratis. Viñan moitos soldados”, lembra Roberto, un veciño da zona.
Na fachada aínda se intúe o estilo neogótico modernista do edificio deseñado en 1899 polo arquitecto Daniel Vázquez-Gulías. Pero hoxe, o abandono e o paso do tempo mudaron por completo a imaxe dun edificio que os veciños consideran parte da memoria e do patrimonio histórico da cidade.
“Daquela era un pouco emblemático. Un monumento coma este estar así, estragado como está”, laméntase o mesmo veciño.
“Empezou a haber trapicheos, drogas e outras cousas, e víase certa impunidade porque ninguén facía nada”, explica Manuel, outro veciño.
“Houbo unha redada, o Concello mandou albaneis para tapiar as ventás e, nese tempo, alguén prendeu lume”, relata Roberto.
Na madrugada do venres, un incendio arrasou o inmoble, agravando a preocupación dos veciños.
Esta mesma tarde, varias persoas accederon ao edificio e a Policía Nacional interveu o material que levaban. Os okupas xa non están nos Baños de Outeiro, pero os veciños aseguran que se trasladaron ao inmoble contiguo.