Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta inviste 10,5 millóns para levar cobertura móbil a 210 núcleos do rural

A Xunta inviste 10,5 millóns para levar cobertura móbil a 210 núcleos do rural

Alfonso Rueda defende que mellorar as telecomunicacións contribúe a fixar poboación e abre novas oportunidades como "atraer a nómades dixitais"

Arquivo (Europa Press)
EP 28/01/2026 16:09

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este mércores que Galicia levou a cabo nos últimos anos un proxecto pioneiro en Europa para ampliar a rede de telefonía móbil e dotar de cobertura e Internet a 210 núcleos illados do rural nos que residen máis de 5.000 persoas.

"Imos garantir o acceso aos servizos básicos ata onde permita a técnica e as telecomunicacións son hoxe en día un servizo fundamental", manifestou.

Durante unha visita á nova torre de telefonía instalada no concello ourensán de Leiro (que dá cobertura a 104 veciños dos núcleos de Paredes e Sá), reivindicou o investimento de 10,6 millóns de euros para construír 68 torres en 48 concellos e executar a acometida eléctrica necesaria para achegar o servizo aos cidadáns. Unhas actuacións que mellorarán a cobertura nun total de 55 municipios galegos.

A extensión da rede de telefonía móbil en Galicia foi posible grazas a colaboración entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Vodafone España.

En concreto, os concellos foron os encargados de ceder terreos para construír as torres e identificar os núcleos con problemas de cobertura; a entidade pública Retegal encargouse de habilitar as torres necesarias e Vodafone de dotar á rede de servizo.

"Atraer nómades dixitais"

A Xunta destaca que esta iniciativa enmárcase na aposta por consolidar o rural galego como "un espazo de oportunidades no que vivir, investir e traballar e garantir a igualdade no acceso aos servizos básicos en todo o territorio".

"Isto é construír Galicia. Galicia Calidade tamén é ter servizos básicos en calquera sitio e garantir a igualdade entre os cidadáns", indicou, tras asegurar que a mellora das telecomunicacións permitirá asentar poboación no rural e aproveitar novas oportunidades como pode ser "atraer a nómades dixitais".

"Un servizo universal"

Nesta liña, Rueda lembrou que o Executivo autonómico leva anos reclamando ao Goberno central que a telefonía móbil sexa considerada un servizo universal das telecomunicacións.

Ante "esta falta de recoñecemento polo Estado, que é quen ten as competencias nesta materia", a Xunta resalta que optou por solicitar á Comisión Europea permiso para poder ampliar a rede de telefonía móbil na comunidade e solucionar os problemas que estaban a vivir moitos veciños de zonas máis illadas.

A institución europea aprobou a solicitude para levar a cabo esta iniciativa e incorporouna como exemplo para o resto de Estados membros nas novas Directrices para axudas estatais de redes de banda ancha que se aprobaron no 2023.

Galicia, conclúe a Xunta, foi a primeira comunidade en recibir unha liña de axudas europea para ampliar a súa rede de telefonía.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade