Publicador de contidos

Publicador de contidos

'Sirât' queda sen Óscar e Laxe di que "os premios son xustos"

'Sirât' queda sen Óscar e Laxe di que "os premios son xustos"

A norueguesa Valor sentimental logra o Óscar a mellor fita estranxeira e F1: a película, o de mellor son, premios aos que optaba Sirât

O director galego asegurou que chegar ata Hollywood lle abriu moitas portas 

Unha batalla tras outra triunfa nos Óscares, que recoñecen o talento de Anderson

Oliver Laxe na alfonmbra vermella dos Óscar (REUTERS/Daniel Cole)
G24.gal 16/03/2026 02:48 Última actualización 16/03/2026 10:55

A película Sirât do director galego Oliver Laxe, non puido cumprir o soño de lograr un Óscar, na gala celebrada este domingo nos Ánxeles (EUA) á que chegara con dous nomeamentos nas categorías de mellor película internacional e mellor son.

A cinta, que se interna no deserto de Marrocos para seguir a desesperada procura dun pai, Luis (Sergi López), por atopar a súa filla, está a ter unha brillante traxectoria, nacional e internacional, que comezou co Premio do Xurado de Cannes e non culminou nos galardóns de Hollywood.

O Óscar a mellor película internacional foi para a película Norueguesa Valor sentimental, de Joachim Trier, que tamén se impuxo á cinta brasileira O axente secreto, de Kleber Mendonça Filho.

Laxe, na alfombra vermella dos Óscares, sinalou a EFE: "Eu sei que o teño máis difícil". Ese máis, referíase ás posibilidades da segunda candidatura.

Con todo, Sirat tampouco puido facerse co Óscar a mellor son, que levou Stephen Mirrione por F1, protagonizada por Brad Pitt como un veterano piloto que regresa aos circuítos de competición de Fórmula 1.

O filme de Laxe, galego nado en París, medíase tamén nesa categoría con Frankenstein, Unha batalla tras outra e Sinners.

No caso de que Sirat lograse o premio, sería a primeira vez que un equipo enteiramente feminino se fixese co Óscar ao mellor son.

O equipo de sonidistas de Sirat está composto por Amanda Villavieja, Laia Casanovas e Yasmina Praderías, que durante o seu paso pola alfombra vermella previa á cerimonia sinalaron a EFE que se sentían afortunadas por recibir o nomeamento.

O mesmo Laxe dixo, tamén na alfombra vermella, que lle faría moitísima, moitísima ilusión, que o trío de sonidistas recibisen o galardón, pero non puido ser.

Sirât combina actores profesionais, como López, con intérpretes non profesionais, creando unha experiencia inmersiva e radical que desafía as convencións narrativas. 

Unha batalla tras outra, con seis galardóns, saíu como vencedora da noite. A irlandesa Jessie Buckley levou o Óscar a mellor actriz (Hamnet) e Michael B. Jordan mellor actor (Sinners), e Amy Madigan (Weapons) gañou o Óscar a mellor actriz secundaria mentres Sean Penn (Unha batalla tras outra) acadou o de actor secundario.

Oliver Laxe: “Gustáronme os premios, parécenme moi xustos”

O director español Oliver Laxe asegurou que lle pareceron moi xustos os Óscares outorgados esta madrugada nos Ánxeles.

“Síntome moi contento, non sei por que, a verdade, gustáronme os premios, parécenme moi xustos e alegreime moito por Joachim ”, dixo Laxe a medios tras finalizar a cerimonia na festa da Sociedade de Servizos para os Produtores Audiovisuais EGEDA.

Con todo, o cineasta lamentou que Amanda Villavieja, Laia Casanovas e Yasmina Praderías, nomeadas a Mellor Son por Sirat, perdesen contra F1.

"Aí tiñamos un pouco de esperanza, pero claro, estamos a competir contra Apple. Estar no barullo deses coches de carreira de formula 1 xa é un mérito”, engadiu.

Laxe insistiu na boa relación que lle axudou a forxar a película coa Academia de Hollywood: “Seguen dándonos amor e dicíndonos: queremos máis da vosa movida”.

Tamén asegurou que esta experiencia lle deixou máis confianza e a seguridade de que a súa arte vai por bo camiño.

“Demóstrase que un cinema mais fráxil, non académico, mais sensorial, ten o seu lugar, e que aí hai unha canteira onde picar”, afirmou. 

Unha batalla tras outra triunfa nos Óscares, que recoñecen o talento de Anderson

A comedia dramática Unha batalla tras outra foi a gran triunfadora da 98 edición dos Óscares, que finalmente recoñeceron o talento do seu director, Paul Thomas Anderson, un dos máis prestixiosos de Hollywood pero menos premiados pola Academia.

O filme de Anderson levou seis Óscares fronte aos catro da que era a gran favorita, Sinners, de Ryan Coogler, que chegou á gala co aval de conseguir o récord de propostas da historia dos premios, con 16 candidaturas.

Mentres que no apartado internacional Valor sentimental venceu á brasileira O axente secreto e á española Sirât, que contou co apoio na gala da vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social Yolanda Díaz e do conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia José López Campos.

O recoñecemento a Paul Thomas Anderson

Pero se algo destacou nesta edición é que finalmente a Academia outorgou a Anderson un recoñecemento que lle fora esquivo en once ocasións anteriormente.

Unha batalla tras outra venceu nos apartados de mellor película, mellor dirección, mellor guion adaptado, mellor actor secundario (Sean Penn), mellor montaxe e mellor cásting —unha categoría que este ano se estreou—, e o público estoupou en aplausos para recoñecer un dos directores máis apreciados da industria.

Foi tal o impacto da película que a cerimonia se pechou cunha escena pregrabada na que o presentador da gala, Conan O'Brien, recrea unha secuencia do filme na que o vilán, interpretado por Penn, recibe o seu merecido.

Antes dos nomeamentos deste 2026, a Academia considerara a Anderson once veces para levar unha figura en distintas categorías —a primeira en 1998 por mellor guion orixinal por Boogie Nights—, pero nunca o lograba. Este domingo levou tres premios directamente para el, os de película, dirección e guión adaptado por trasladar ao cinema a novela Vineland, de Thomas Pynchon.

"Fan que un teña que traballar duro para conseguir un destes", chanceou tras conseguir a figura a mellor dirección.

Leonardo DiCaprio, que dá vida ao protagonista da película Bob Ferguson —un exrevolucionario que trata de salvar a súa filla das poutas dun supremacista branco interpretado por Penn—, aplaudiu o director e víaselle feliz cando subiu con todo o equipo para recibir o Óscar a mellor película, a pesar de que non gañou o premio a mellor actor.

Sinners, a película de vampiros que deu a pelexa

O triunfo de Anderson non permitiu que Ryan Coogler fixese historia ao converterse no primeiro cineasta negro en gañar a figura como mellor director por Sinners. Con todo, si que levou o Óscar a mellor guion orixinal.

Ademais, a película permitiulle a Michael B. Jordan levar a figura a mellor actor por interpretar dous xemelgos que se propoñen abrir un club nocturno exclusivo para xente negra, só para ver os seus plans interrompidos por un grupo de vampiros.

Jordan foi ovacionado ao converterse no sexto actor negro en gañar a figura como mellor actor, uníndose a Sidney Poitier, Denzel Washington, Jamie Foxx, Forest Whitaker e Will Smith. Na sala de prensa, o actor agradeceu a todos aqueles que abriron o camiño para chegar a ese lugar.

"Animo a outros actores e a outros artistas… a que sexan honestos, sexan sinceros e simplemente… soñen en grande", dixo o protagonista de Sinners, que venceu, entre outros, a DiCaprio e a Wagner Moura, que buscaba o primeiro Óscar para un intérprete brasileiro.

Ademais do premio para Jordan e do de guión, a cinta levou o de banda sonora e o de fotografía, para Autumn Durald, que fixo historia ao converterse na primeira muller en gañar o Óscar da categoría.

E no apartado de interpretación feminina, a irlandesa Jessie Buckley cumpriu os prognósticos e recibiu o premio a mellor actriz polo seu papel de Agnes, a muller de Shakespeare, en Hamnet, de Chloé Zhao.

Noruega augoulles a festa a España e Brasil

En canto á categoría de película internacional, nin Brasil nin España puideron impedir o triunfo de Noruega, a favorita, con Valor sentimental, de Joachim Trier.

O axente secreto, de Kleber Mendonça Filho, non puido repetir o éxito da pasada edición de Aínda estou aquí, de Walter Salles. E Sirât, de Oliver Laxe, non se converteu no quinto Óscar para España.

O filme de Mendonça chegara á gala con catro nomeamentos -mellor película, mellor película internacional, mellor actor, e mellor cásting- e foise sen carga. Do mesmo xeito que Sirât, que competía por mellor son.

Amanda Villavieja, Laia Casanovas e Yasmina Praderías eran as sonidistas de Sirât e, de gañaren, sería a primeira vez para un equipo enteiramente feminino. A pesar de non gañar aseguraron a EFE que se sentiron afortunadas por ser recoñecidas co nomeamento e recibiron eloxios polo seu traballo por parte de membros da Academia.

Si que gañou, tres estatuíñas, o Frankenstein do mexicano Guillermo del Toro, que conseguiu a de mellor vestiario, mellor maquillaxe e mellor deseño de produción.

Tamén destaca o triunfo do fenómeno global da animación e a música As guerreiras K-Pop, que gañou os apartados de mellor película de animación e mellor canción orixinal, por "Golden". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade