Mugardos prepara a rehabilitación do cine Zárate para convertelo en biblioteca pública
O Zárate leva xa máis de medio século pechado
As obras xa foron licitadas e están pendentes de adxudicación
Desde o tempo do desenvolvemento industrial, do mito do progreso e das gasosas, desde 1926 leva o Zárate no centro de Mugardos, primeiro axitando a imaxinación e agora remexendo na memoria.
O cinema Zárate forma parte da historia colectiva de Mugardos. Con elementos de modernismo tardío e o neoclasicismo, a rehabilitación que se está preparando quere conservar a esencia do inmoble para convertelo en biblioteca pública.
"É un inmoble emblemático da nosa vila e que evidentemente todos lembran con cariño. E con esta medida tentamos poñer iso en valor", declarou Juan Domingo de Deus, o alcalde de Mugardos.
Terá zona de lectura e estudo, ludoteca, terraza e locais para actos e presentacións. Así que se adxudique, a obra terá que executarse en 15 meses. Contan con que o cinema Zárate reabra como biblioteca en 2028, 102 anos despois.