A curta 'Dieu est timide', de Jocelyn Charles, Premio FICBUEU 2026
'El cuerpo de Cristo' foi galardoado como mellor curtametraxe galega e 'Hasta mañana si dios quiere', de Alejandro Egido, como mellor curtametraxe española
Jocelyn Charles no FICBUEU presentando a súa curtametraxe o pasado xoves 10 de setembro. (Estudio Prolight)
A curtametraxe francesa de animación 'Dieu est timide', de Jocelyn Charles, alzouse esta noite co Premio FICBUEU 2026, máximo galardón da 19ª edición do Festival Internacional de Cine.
O premio á mellor curtametraxe galega foi para 'El cuerpo de Cristo', obra baseada no cómic co que Bea Lema, autora e directora da curta, logrou o Premio Nacional de Cómic.
O Xurado Oficial salientou as súas “técnicas de animación únicas e orixinais”, que conseguen trasladar á pantalla o padecemento da protagonista e materializar os seus tormentos “con beleza e poesía”.
O filme propón unha viaxe polos límites da mente, os traumas e as pantasmas da protagonista a través dun universo no que o tortuoso é capaz de mostrar tamén o seu rostro máis fermoso.
Fotograma da curtametraxe El cuerpo de Cristo
O palmarés de 2026, informa a organización, recoñeceu tamén a `Hasta mañana si dios quiere', de Alejandro Egido, como mellor curtametraxe española.
Os premios déronse a coñecer no Auditorio do Centro Social do Mar durante o acto que puxo o peche á competición desta edición, cunha gala acompañada pola música en directo de Andre Soaxe e Martiño Malleiro Díaz.
A entrega dos principais galardóns contou coa participación do alcalde de Bueu, Félix Juncal, encargado de entregar o Premio FICBUEU; do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, que entregou o premio á mellor curtametraxe galega; e do deputado de Cultura, Mocidade, Reto Demográfico e Desenvolvemento Rural da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, encargado de entregar o premio á mellor curtametraxe española.
O Xurado Oficial, formado pola programadora e docente arxentina Magdalena Arau, o cineasta e programador iraniano Amir Masoud Soheili e o programador portugués Miguel Dias, concedeu o Premio FICBUEU a 'Dieu est timide', unha obra na que os protagonistas, Ariel e Paul, durante unha viaxe en tren, entretéñense debuxando os seus medos máis profundos ata que a aparición dunha misteriosa viaxante transforma o xogo.
O xurado destacou o seu carácter enigmático e hipnótico e o seu estilo visual impactante, así como a súa capacidade para xogar coas expectativas do cine de xénero e mergullar ao público nos medos máis primarios. Valorou especialmente o seu traballo coa imaxe e o son, alén da forza e personalidade da película.