Comeza a 31 edición do Ourense Film Festival, un dos máis lonxevos de Galicia
Charo López, Javier Gutiérrez ou a galega Uxía Blanco, entre os premiados
En Ourense botou a andar o Ourense Film Festival. Por diante 10 días nos que a cidade se converte na capital galega do cine de autor. O Auditorio Municipal acolleu a gala de inauguración.
Unha nova edición do Ourense Film Festival, e xa van 31, que distingue este ano a actriz Charo López co Premio Especial OUFF (pola súa traxectoria no cine, o teatro e a televisión) e o produtor José Manuel Lorenzo co Premio Chano Piñeiro, por ser unha das figuras máis relevantes do panorama audiovisual galego, cunha carreira decisiva para o desenvolvemento do sector.
A estes recoñecementos súmase a Calpurnia de Honra que o festival entregará ao actor asturiano Javier Gutiérrez, e o Premio Honorífico Fundación AISGE para unha das actrices galegas máis recoñecidas, Uxía Blanco, que reivindica a figura dunha das pioneiras do noso cinema (desde Sempre Xonxa ata hoxe).
Unha cita que sitúa este festival audiovisual como un dos máis lonxevos de Galicia, e toda unha referencia para a promoción do audiovisual galego.