Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Lei do Clima permitirá reforzar a preparación de Galicia ante temporais virulentos

A Lei do Clima permitirá reforzar a preparación de Galicia ante temporais virulentos

A conselleira de Medio Ambiente defendeu que supón un impulso na acción contra o cambio climático e permitirá a Galicia lograr a neutralidade climática en 2040, dez anos antes que España e Europa

Recibiu luz verde cos votos a favor do PPdeG, en contra de BNG e PSdeG, e coa abstención de Democracia Ourensana

Nevaradas intensas provocadas pola borrasca Joseph en Galicia (Rosa Veiga/Europa Press) Nevaradas intensas provocadas pola borrasca Joseph en Galicia (Rosa Veiga/Europa Press)
G24.gal 28/01/2026 15:23

A Lei do Clima converteuse este mércores na primeira norma aprobada no Parlamento neste 2026 e recibiu luz verde unicamente cos votos a favor do PPdeG, partido maioritario, xa que contou co posicionamento en contra de BNG e PSdeG, así como coa abstención de Democracia Ouresana.

Desde o PPdeG puxeron en valor que a nova Lei do clima de Galicia “vai permitir combater con novos instrumentos o cambio climático” e avanzar para que os sectores produtivos camiñen cara á descarbonización”.

Con todo, os principais grupos da oposición, BNG e PSdeG, consideran que a norma é unha “oportunidade perdida para Galicia” xa que a Xunta non empregou o texto para emprender unha verdadeira loita contra o cambio climático.

A norma, que se debateu este martes pero votouse na xornada do mércores, busca que Galicia sexa neutra en emisións en 2040, dez anos antes que España e Europa, valorou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez.

Na súa intervención tras o debate, Vázquez defendeu que Galicia vai ver reforzada a súa capacidade de anticipación e adaptación a fenómenos meteorolóxicos e climáticos extremos derivados do quecemento global.

Nesta liña, incidiu en que a nova lei supón un impulso na acción contra o cambio climático mellorando a preparación fronte a episodios como inundacións, secas ou fenómenos meteorolóxicos adversos como as últimas borrascas -Harry, Ingrid ou Joseph- e cada vez máis frecuentes.

Ademais, asegurou que facilita tanto a xestión das consecuencias destes fenómenos como unha adecuada prestación de servizos á cidadanía nesas situacións.

Neste sentido, a conselleira reiterou a súa petición para que se ofrezan a Galicia os mecanismos de colaboración que permitan combinar as competencias de MeteoGalicia coas da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) para prestar un servizo da máxima calidade.

Para iso, propuxo un acordo de cooperación en materia de meteoroloxía e climatoloxía para establecer unha coordinación e comunicación eficaz na emisión de avisos entre os dous servizos, unha planificación conxunta para a instalación de infraestruturas e a posta á disposición mutua dos datos en tempo real que se obteñan das redes de observación.

O BNG cre que a lei "non está á altura dos grandes desafíos"

Fronte a iso, o deputado do BNG Luis Bará dixo que o seu grupo non pode apoiar o proxecto normativo porque o texto “non está á altura dos grandes desafíos que ten o mundo” porque realmente “a Xunta de Galicia é unha gran factoría do cambio climático”.

Neste sentido, o parlamentario reprochou que a Consellería de Medio Ambiente tente presumir dunha redución dos gases de efecto invernadoiro cando este descenso débese ao peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama, “aos que vostedes se negaban”.

“Teñen vostedes pouco do que presumir”, espetou Bará, que recriminou que os populares tenten “aproveitarse” dos beneficios que provocaron as decisións doutras administracións.

Respecto diso, enmarcou este texto nunha “lei fake que é un “simulacro para facerse pasar por verdes cando son verdes de pacotilla” porque, ao seu entender, no PP galego “ven o clima como un negocio, como unha escusa para favorecer a especulación e os pelotazos”.

Noutra orde de cousas, Bará tamén reprochou a falta de ambición dun texto que segue deixando a MeteoGalicia “nun limbo legal” no que non pode emitir alertas válidas e que se debe a que o PPdeG, maioritario en Galicia, vetou a proposta dos nacionalistas para solicitar “a transferencia das competencias meteorolóxicas”.

O PSdeG cre que se trata dun "exercicio de márketing"

Desde o PSdeG, Paloma Castro lamentou que, a pesar de que esta lei teña especial relevancia na comunidade, o PPdeG non aceptase as propostas dos grupos da oposición que pretendían enriquecer un texto, polo que se perde unha “oportunidade para ser un texto serio” e queda reducida “a un exercicio de márketing”.

A socialista reprochou que se optou por sacar adiante unha “lei sen fiscalidade nin mecanismos claros” porque prefire “non tocar intereses nin poñer regras” xa que é un texto que “fala de clima sen ningún tipo de compromiso real”.

Castro lamentou que se infestou o articulado de “boas palabras” pero sen abordar cuestións fundamentais para o clima como, por exemplo, a enerxía.

“Moito titular e chimpún”, reprochou Castro, que censurou que a norma supón ademais cargas sen financiamento para os concellos mentres tamén pon sobre a mesa figuras como os créditos de carbono que poden converterse nunha “coartada para seguir contaminando”.

O PPdeG di que busca blindar unha “transición xusta, sostible e xeradora de emprego verde”

Por parte do PPdeG interveu Moisés Rodríguez en substitución do parlamentario Gonzalo Trenor, afectado por un accidente de tráfico ocorrido na AP-9 á altura de Oroso tras unha colisión múltiple de máis dunha vintena de vehículos e a quen todos os parlamentarios desexaron unha pronta recuperación.

Na súa quenda, Rodríguez defendeu a lei que cre que foi redactada “sen ideoloxía partidista” porque se tentou que fose un texto que representase a “toda a Cámara” e sectores representativos porque busca blindar unha “transición xusta, sostible e xeradora de emprego verde”.

Por iso, entende o popular que foi unha “oportunidade perdida” pero para a oposición que optou “por non colaborar e achegar por cuestións de copia e pega”. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade