Publicador de contidos

Publicador de contidos

PSdeG e BNG aproban na Deputación de Lugo unha iniciativa contra a moción de censura

PSdeG e BNG aproban na Deputación de Lugo unha iniciativa contra a moción de censura

Reproban a Elena Candia e María Reigosa nunha proposta de urxencia

O texto precisa que “é un instrumento plenamente legal e lexítimo. Pero non se pode utilizar de calquera xeito, nin a calquera prezo. Que algo sexa legal non significa que sexa honesto. E comprando vontades, moito menos”

Carmela López, presidenta do organismo, asegurou que “necesitamos unha lei que non permita o transfuguismo no noso país”

A presidenta da Deputación de Lugo, nunha imaxe de arquivo xunto ao alcalde lugués Miguel Fernández (TVG) A presidenta da Deputación de Lugo, nunha imaxe de arquivo xunto ao alcalde lugués Miguel Fernández (TVG)
G24.gal 28/04/2026 16:55

A Deputación de Lugo aprobou unha iniciativa por vía de urxencia, cos votos do PSdeG e do BNG, socios no Goberno bipartito da institución, para rexeitar a moción de censura presentada polo Partido Popular no Concello da capital lucense e reprobar tanto á portavoz do seu grupo municipal, Elena Candia, como á concelleira non adscrita, María Reigosa.

A encargada de defender esta moción foi a portavoz do grupo provincial do Partido Socialista, Pilar García Porto, quen lembrou que esta “iniciativa non se sustenta en ningunha causa política sobrevinda, nin nunha denuncia de corrupción, nin nunha perda de confianza democrática constatable”.

“Susténtase, exclusivamente, no voto de María Reigosa, unha concelleira que se presentou nas listas do PSdeG nas eleccións de 2023, abandonou o seu grupo e adquiriu a condición de non adscrita poucas semanas antes da operación. Trátase, polo tanto, de transfuguismo na súa expresión máis clara e literal”, engadía.

Na mesma liña, o texto aprobado co voto de socialistas e nacionalistas precisa que “a moción de censura é un instrumento plenamente legal e lexítimo do noso ordenamento democrático. Pero non se pode utilizar de calquera xeito, nin a calquera prezo. Que algo sexa legal non significa que sexa honesto. E comprando vontades, moito menos”.

Así mesmo, censura as circunstancias desta “operación impulsada pola señora Candia”, debido ao falecemento durante este mandato de tres edís do goberno local. “Resulta especialmente reprobable por iso mesmo. Mentres se compartían publicamente as condolencias polas tres perdas, calculábase friamente como tirar partido daquelas circunstancias para forzar un cambio de goberno a un ano das eleccións municipais”.

A iniciativa aprobada esixe a “retirada inmediata da moción” e a reprobación de Candia e Reigosa, pero tamén que o Partido Popular censure publicamente a súa actuación. Así mesmo, manifesta a “condena expresa da Deputación a calquera práctica de transfuguismo” e o apoio “ao goberno lexitimamente constituído” en Lugo.

Antes do pleno, en declaracións aos medios de comunicación, a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, precisou que esta iniciativa de “urxencia” ía debater porque o goberno provincial está “en contra totalmente do transfuguismo”.

“É unha medida que non é ética, non é democrática e non é moral”, dixo Carmela López, quen concluíu que “necesitamos unha lei que non permita o transfuguismo no noso país”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade