Publicador de contidos

Publicador de contidos

Mobilización en Lugo contra a moción de censura no concello

Mobilización en Lugo contra a moción de censura no concello

A protesta, apoiada por dirixentes do PSdeG e o BNG, foi convocada pola plataforma 'Transfuguismo Non, democracia Si'

EFE/Eliseo Trigo EFE/Eliseo Trigo
G24.gal 24/04/2026 19:53

O alcalde de Lugo, o socialista Miguel Fernández, e o tenente de alcalde Rubén Arroxo, do BNG, encabezaron a mobilización convocada este venres en Lugo por unha plataforma cidadá contra a moción de censura presentada no concello lugués.

No acto tamén estivo presente o líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, e a número dous do PSdeG e ex alcaldessa luguesa Lara Méndez, ademais de outros cargos institucionais socialistas e nacionalistas. Entre eles as alcaldesas de Santiago de Compostela, a nacionalista Goretti Sanmartín, ou a da Coruña, a socialista Inés Rey. Xunto a eles deputados, senadores e tamén concelleiros e militantes de diversas localidades galegas.

No acto, celebrado na Praza Maior, participaron centos de persoas, dúas mil segundo a plataforma 'Transfuguismo Non, democracia Si', que se opon á moción de censura rexistrada esta mesma semana polo grupo municipal do Partido Popular co apoio da edila non adscrita María Reigosa.

Entre os asistentes, que gritaron en varias ocasións o mensaxe "Transfuguismo non, democracia si", había persoas que portaban pancartas con fotos da líder do PP lucense, Elena Candia, acompañadas do texto "Cómprase tránsfuga", así como con imaxes de María Reigosa, coa palabra "tránsfuga".

Un dos promotores desta plataforma, o primeiro en tomar a palabra, o escritor Lois Pérez, asegurou que esta concentración é "unha vitoria colectiva, un acto de resiliencia democrática da vontade popular".

Tamén lembrou que "o que une aos presentes é a defensa das súas conviccións democráticas", porque "a forza colectiva da cidadanía ten valor e é transformadora".

"Alcemos memoria democrática deste feito vergoñoso, que ninguén esqueza o que sucedeu estes días", dixo Lois Pérez, en referencia ás próximas eleccións locais, que se celebrarán dentro dun ano. "Únenos a tristeza esperanzada", concluíu.

Os portavoces do colectivo organizador --Lois Pérez, Isidoro Rodríguez, Luz Darriba e Bernardino Pardo-- leron o manifesto e reivindicaron valores como "o civismo, a pluralidade e a tolerancia", acompañados por un aplauso final dos participantes, que se achegaron a abrazar ao alcalde, Miguel Fernández, e o tenente de alcalde, Rubén Arroxo.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade