Sánchez reclama ao PP asumir a súa responsabilidade polo caso Kitchen e "non amparar a Rajoy"
Compara a reacción dos populares coa do PSOE, que respondeu "con contundencia" aos casos de corrupción de Ábalos e Cerdán
O presidente do Goberno Pedro Sánchez instou este venres ao Partido Popular a asumir a súa responsabilidade pola operación Kitchen no canto de desmarcarse dela e de amparar e apoiar o ex-xefe do Executivo Mariano Rajoy.
Sánchez referiuse ao xuízo polo caso Kitchen en declaracións aos xornalistas á súa chegada á segunda xornada do cumio informal da Unión Europea, que reúne durante dous días en Chipre os líderes dos Vinte e sete.
Ao pedirlle a súa opinión pola actitude do PP ante este caso, Sánchez pediulle que asuma a súa responsabilidade e non se desmarque deste asunto, á vez que o instou a non amparar o expresidente do Goberno.
"Estamos a falar de corrupción, de financiamento irregular, de obstrución á xustiza e tamén dun intento de destrución de probas que puidesen incriminar esas direccións", resumiu Sánchez, á vez que asegurou que todo iso desapareceu con chegada do seu goberno en 2018 a través dunha moción de censura.
Así, comparou a reacción do PP coa do PSOE nos casos de corrupción que lles afecta, como o caso Koldo, que salpica os exdirixentes socialistas José Luis Ábalos e Santos Cerdán. Ao seu xuízo, sempre colaboraron e cooperaron coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a xustiza, respondendo coa máxima contundencia e máxima proporcionalidade ás graves acusacións sobre antigos responsables do PSOE. "E iso é o que me gustaría que fixese tamén o Partido Popular", reivindicou.
Sánchez criticou que o PP só reprocha o que fai outro partido e pediulle que asuma responsabilidades. "Non vimos o Partido Popular reprochar nin tampouco desmarcarse desta operación Kitchen. Ao contrario, amparar e apoiar, neste caso, a Mariano Rajoy", sinalou.
Sánchez acusa a PP e Vox de violar a Constitución co seu pacto sobre prioridade nacional
O presidente do Goberno acusou a PP e Vox de violaren a Constitución coa súa defensa do principio de "prioridade nacional" porque supón a discriminación de cidadáns. Sánchez alertou de que cando falan de "prioridade nacional", ambos os partidos están a falar de cidadáns de primeira e de segunda por distintos motivos.
"Se despois de varios meses o único que poden ofrecer a España é este proxecto de involución da nación, é un auténtico desastre para os intereses de Estremadura, de Aragón e de España", engadiu, antes de insistir en que o Goberno actuará cando haxa algunha lei que vaia contra os dereitos dos cidadáns.