Candia e Prado chaman a PSdeG e BNG a deixar o “odio e a crispación” pola moción de censura en Lugo
“A manifestación do 1 de maio, que a CIG, o brazo sindical do BNG, tiña prevista en Vigo, agora tráea a Lugo. Isto demostra que non pon os intereses dos traballadores por encima de calquera interese. Non, vén a Lugo facer ruído e a xerar crispación”, dixo Prado.
Os populares pídenlles aos dous socios do goberno bipartito que “deixen xa esa escalada de odio que están a intentar inserir na sociedade”
A secretaria xeral do PP de Galicia, Paula Prado, e a portavoz do grupo municipal en Lugo, Elena Candia, compareceron este xoves ante os medios de comunicación na capital luguesa para pedirlle a PSdeG e BNG que “abandonen o discurso de odio e crispación” que están a alimentar como consecuencia da moción de censura que será debatida o 7 de maio no Concello de Lugo.
Paula Prado dixo que “a xente de Lugo é consciente de que é unha moción de impulso”, grazas ás “55 medidas para resolver os problemas da cidadanía” que presentou Elena Candia o mesmo día no que foi rexistrada a moción de censura.
Despois de “tres anos de lexislatura cun goberno absolutamente paralizado”, dixo Prado, agora “o que vemos é odio, insultos e descualificacións”.
“Agora vemos como a manifestación do 1 de maio, que a CIG, o brazo sindical do BNG, tiña prevista en Vigo, agora tráea a Lugo. Isto demostra que non pon os intereses dos traballadores por encima de calquera interese. Non, vén a Lugo a facer ruído e a xerar crispación”, engadiu a secretaria xeral do PPdeGalicia.
Por iso pediulles aos dous socios do Goberno bipartito que “deixen xa esa escalada de odio que están a intentar inserir na sociedade”, porque “a xente está tranquila, apoia a moción, porque ve que Lugo estaba paralizada”.
Tamén fixo referencia á plataforma Transfuguismo non, democracia si, que convocou para esta tarde unha nova concentración de protesta contra a moción de censura. Prado fixo referencia á información publicada “por un medio de comunicación”, para dicir que está “liderada por un señor que ten contratos co Concello de Lugo e a súa muller tamén ten contratos co Concello de Lugo”.
“Coa parte nacionalista do Goberno de Lugo. Que casualidade”, apostilou.
Sobre a protesta convocada para esta tarde, Elena Candia dixo que “todo o equipo de goberno, os seus asesores, están a enviar a convocatoria para a mobilización”.
Un "exercicio de responsabilidade"
Volveu dicir que “o Partido Popular gañou claramente as eleccións no ano 2023” e “quedou a un puñado de votos da maioría absoluta”, de modo que o feito de que “intente gobernar” é un “exercicio de responsabilidade”.
“No momento en que o Goberno perde a maioría absoluta, o PP ten a obrigación de intentar gobernar. Nunca tivemos un respecto como oposición, agora tocaba intentar gobernar”, insistiu.
Algo que, dixo, entra dentro da “absoluta normalidade”.
“O único que queremos é o ben para esta cidade. O proxecto é coñecido e os lucenses apoiárono amplamente. É o que imos facer a partir do día 7”, precisou.
Por iso, pediulles aos dous socios do bipartito “respecto, educación e elegancia”, e que “abandonen ese discurso do odio e a crispación”. Que asuman o previsible cambio, do mesmo xeito que o PP asumiu que non ía gobernar despois de quedarse a uns centos de votos da maioría absoluta en Lugo.
Dixo que a moción é un movemento “lexítimo, legal, amparado por sentenzas do Tribunal Constitucional, pola lexitimidade democrática”, e que o PP vai levar a cabo “cumprindo a lei e con acordos que se basean absolutamente na honestidade”.
“O primeiro e o último é Lugo”, concluíu.