Bolaños nega ordes á Fiscalía para non reducir a petición de cárcere a Aldama
O avogado do PP, que lidera a acusación popular, si solicitou unha merma da condena para o empresario
Prevese que o xuízo quede visto para sentenza este mércores
A Fiscalía mantén as súas peticións de pena para os tres acusados no caso máscaras: 24 anos de cárcere para José Luis Ábalos, 19 e medio para Koldo García e 7 para Víctor de Aldama.
Segundo Félix Bolaños, ministro de Xustiza, "foi unha decisión do Ministerio Fiscal baseada en criterios técnicos".
Pero o PP ve a man do Goberno detrás, e pídelle explicacións ao ministro. Os populares cren que a fiscalía debería rebaixar a petición de cárcere para Víctor de Aldama, tal e como fixo o seu propio avogado, que lidera a acusación popular.
"Quero darlle as grazas ao PP e ao señor Aldama por facer tan evidente que están colaborando", asegurou Félix Bolaños na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros.
Para o exministro de Transportes, a acusación popular pide 30 anos de cárcere. Segundo Cuca Gamarra, vicesecretaria do PP, "un acusado ten dereito a mentir na súa defensa, pero as probas están aí e son demasiado concluíntes". "A estas alturas todos os españois sabemos que roubaron a mans cheas", engade a popular.
Para outros partidos, as cifras non son relevantes. Alberto Ibáñez, deputado de Sumar, cre que é "irrelevante" o número de anos cárcere porque o que lle preocupa "é que devolvan todo o que trincaron".
Para Pepa Millán, de Vox, "todos son igual de culpables".
Este mércores está previsto que o caso quede visto para sentenza.