Villarejo, condenado a 3 anos e medio de cárcere por revelar datos dunha asesora de Podemos
Estaba acusado de distribuír a dous medios de comunicación o contido da tarxeta dun móbil roubado a Dina Bousselham, exasesora de Podemos e de Pablo Iglesias
Contiña documentos internos de Podemos, datos bancarios pertencentes a Pablo Iglesias, imaxes íntimas da asesora e capturas de chats de Telegram
Iglesias e Podemos din que a sentenza aporta "algo de xustiza" logo do dano causado
O excomisario Villarejo (EFE/Javier Lizón)
A Audiencia Nacional condenou o excomisario José Manuel Villarejo a tres anos e medio de cárcere por acceder sen autorización e distribuír a dous medios de comunicación o contido da tarxeta dun móbil roubado en novembro de 2015 a Dina Bousselham, exasesora de Podemos e do exlíder deste partido Pablo Iglesias.
Villarejo foi condenado como autor dun delito de revelación de segredos de particulares con difusión a terceiros, cometido por funcionario público, por un caso do que finalmente quedaron fóra dous xornalistas, o director e o subdirector de Interviú Alberto Pozas e Luis Rendueles, a quen outorgou o perdón as acusacións exercidas por Bousselham e Iglesias.
Os maxistrados condenaron a Villarejo a indemnizar a exasesora de Podemos con 5.000 euros e ao exlíder deste partido con 1.000 euros, nunha sentenza que lembra que o tribunal está "constrinxido" á petición feita pola Fiscalía e non pode impoñer unha contía maior. O Estado é responsable civil subsidiario.
A tarxeta móbil subtraída a Bousselham contiña documentos internos de Podemos, datos bancarios pertencentes a Pablo Iglesias, imaxes íntimas da asesora e capturas de chats de Telegram, como os grupos 'Equipo Portavoz' e 'Superagente', e levou á publicación de comentarios intercambiados pola cúpula de Podemos, incluído un no que Iglesias falaba de azoutar a unha xornalista.
A súa difusión provoca "un dano moral innato na humillación" porque a "vida íntima e persoalísima" da asesora "viuse completamente exposta a quen non desexaba" e o mesmo ocorre con Pablo Iglesias.
Iglesias e Podemos din que a sentenza aporta "algo de xustiza"
O exvicepresidente do Goberno Pablo Iglesias e os principais dirixentes de Podemos consideraron que a condena de tres anos e medio de prisión ao comisario xubilado José Manuel Villarejo polo 'caso Dina' achega un "pouco de xustiza" aínda que lamentan que non corrixe o dano causado á formación violeta.
A través da rede social X o exlíder de Podemos proclamou que o "dano político, electoral e moral é irreparable", pero "menos dá unha pedra".
Mentres, a actual secretaria xeral da formación violeta, Ione Belarra, subliñou tras esta sentenza que é "imposible reparar o dano que se fixo, non xa a Pablo Iglesias ou a Dina Bousselham, senón á democracia española". "Pero hoxe por fin se fai un pouco de xustiza", resolveu.
Doutra banda, a eurodeputada de Podemos Irene Montero afirmou que "Villarejo é condenado pola guerra sucia contra Podemos", se ben aínda falta que "paguen o poder mediático, xudicial e político que a organizou". "Hoxe faise un pouco de xustiza e alégrome infinito", afondou.
Á súa vez, o coportavoz e secretario de Organización do partido, Pablo Fernández, insistiu en que o dano infrinxido a Podemos é "irreparable", pero considera que "hoxe é día para celebrar".