Xinzo celebra o Domingo Oleiro
76 participantes axustan puntería e retranca na Praza Maior
Antigamente, a quen lle caía unha ola tiña que pagar unha rolda de viño. Hoxe intentan que non se rompan, para poder seguir xogando un pouco máis
Baixo a atenta mirada do Meco, as olas volven voar polo aire e cada lanzamento é unha ameaza para os participantes. Hoxe celébrase o Domingo Oleiro. Un xogo que vén de antigo: cando as olas se usaban para ir ás fontes e, ao quedar vellas, convertíanse nun xogo de flirteo entre mozos.
O máis veterano daba conta do xogo no pasado: “Cando caía unha ola, o xogo paraba e a persoa á que lle caía convertíase na murga. Sempre había discusións: ‘Caéuche a ti’, ‘Non, fuches ti que ma tiraches mal’. Ninguén quería ser o culpable, porque a quen se lle rompía tocáballe pagar unha rolda de viños.”
“Antigamente, se se nos caía unha ola había que pagar unha rolda de viño. Hoxe en día intentamos que non se rompan, para poder seguir xogando un pouco máis.” comentaba unha moza.
Preto de 80 persoas, en tandas de vinte, forman un coro e lanzan as olas en traxectorias precisas, case parabólicas, para que poidan ser recollidas sen risco… aínda que sempre hai quen engade un toque de pillería.
“Unhas levan fariña, outras levan auga e algunhas tamén confeti. É a tradición: unha sorpresa para a xente e, ademais, así pesan un pouco máis.” dá conta outro participante.
“Hai quen as lanza máis alto, quen fai xogos lanzando dúas á vez para que se crucen. Cada un ten o seu toque especial.” dí unha das organizadoras.
Un xogo de precisión: hai que estar atento, ter reflexos rápidos e moita destreza.
Outro veciño danos o seu consello:
“Antes de xogar quentamos cuns botellíns ou cun pouco de licor café e logo ímola pasando. Hai que lanzala máis ou menos dereitiña e, se pode ser, facendo que vaia xirando, para non mancarse.”
A chuvia chegou ao final, pero non apagou a festa. Medio milleiro de olas feitas anacos marcaron o remate dun novo Domingo Oleiro.