Reabre ao tráfico a autovía a Marín, cortada pola preamar da ría de Pontevedra
Tráfico restablece a circulación na PO-11 logo de que o mar inundara os seus catro carrís
A borrasca Leonardo deixa este luns choiva e vento forte en toda Galicia e aviso laranxa no mar por ondas de seis metros
A Xunta mantén activo o Plan Inungal, co foco posto no río Mero ao seu paso por Cambre
Foto: Autovía de Marín cortada ao tráfico (TVG)/Directo: cámara web situada no aparcadoiro do porto deportivo Xoán Carlos I, en Sanxenxo
A autovía PO-11, que une Marín con Pontevedra, tivo que ser cortada a primeira hora deste luns en ambos os dous sentidos ao asolagar o mar os seus catro carrís debido ao temporal que azouta Galicia.
Segundo fontes de Tráfico, a vía xa está despexada e aberta á circulación.
📢🟢Abierta a la circulación la PO-11.
— Dir. Gral. Tráfico (@DGTes) February 2, 2026
A situación mobilizou efectivos de Protección Civil, da Garda Civil e da Policía Local, que tiveron que establecer desvíos alternativos para evitar que os vehículos circulasen pola vía asolagada.
Ademais, o temporal obrigou a cancelar tamén o transporte de ría entre Moaña e Vigo á primeira hora desta mañá. Así, a navieira Piratas de Nabia informou de que as viaxes que partían da localidade do Morrazo ás 06:30, 07:30 e 08:30 horas foron suspendidos, así como os das 07:00, 08:00 e 09:00 que saían de Vigo.
Así mesmo, Mar de Ons avisou de que o servizo regular entre Cangas e Vigo se presta este luns cada media hora e non coas frecuencias habituais, para adecuar a velocidade dos buques ás inclemencias meteorolóxicas entre as 07:00 e as 10:00 horas.
Aviso laranxa por temporal costeiro na Coruña e Pontevedra
A Xunta activou para este luns, 2 de febreiro, o aviso laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e Pontevedra, co obxectivo de garantir a seguridade dos bens e persoas.
Tal e como trasladou o Goberno galego nunha nota de prensa, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes informou da situación a través do 112 Galicia aos municipios das provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso está activo desde primeiras horas da mañá e espérase mar combinado do oeste con ondas de ata seis metros e vento do oeste ou suroeste de ata forza oito.
Debido á alerta, anunciouse a suspensión de actividade deportiva no mar, tanto federada coma do programa Xogade, nos municipios afectados segundo as previsións dos órganos preditores.
A Xunta lembrou a importancia de manterse afastado da liña da costa, extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
A borrasca Leonardo deixa este luns choiva e vento forte en toda Galicia
Galicia permanece todo este luns baixo os efectos da borrasca Leonardo, situada entre Irlanda e o noroeste peninsular, que deixará choiva e forte vento ao longo de toda a xornada.
De acordo coa predición de Meteogalicia, o ceo estará parcialmente nubrado e haberá precipitacións na maior parte do territorio galego, coa posibilidade de que sexan localmente fortes e mesmo tormentosas na metade oeste.
A cota de neve estará situada arredor dos mil metros e chegará a baixar ata os novecentos pola noite.
As temperaturas máximas experimentarán un lixeiro descenso durante unha xornada en que o vento soprará forte, con refachos de compoñente oeste e suroeste que poderán superar os setenta e ata os oitenta quilómetros por hora.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), pola súa parte, activou o aviso amarelo por tormentas, que poderán estar acompañadas de refachos de vento moi fortes na Coruña, Ourense, Pontevedra. Respecto a nevadas, estará activo un aviso amarelo en Ourense.
As choivas poderán ser localmente fortes e virán acompañadas de tormenta e, nalgúns casos, de sarabia. Por persistencia das precipitacións, os maiores acumulados espéranse en zonas de montaña e áreas contiguas da vertente atlántica.
A Xunta mantén activo o Plan Inungal co foco posto no río Mero ao seu paso por Cambre
A Xunta mantén activo o Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións en Galicia (Inungal), reducindo de oito a un os ríos en alerta.
En concreto, na actualidade, segundo recolle o 112, o foco está posto no río Mero, ao seu paso pola localidade coruñesa de Cambre.
Con todo, os técnicos da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e da Axencia Galega de Emerxencias seguirán actualizando a información sobre o estado dos ríos en función da súa evolución.
Por iso, recomendaron manter a precaución nesta contorna ante a posibilidade de enchentes puntuais.