Publicador de contidos

Publicador de contidos

Perde o control do coche e esnáfrase contra a parede dun inmoble da Coruña

Perde o control do coche e esnáfrase contra a parede dun inmoble da Coruña

O aparatoso accidente non deixa danos persoais, pero si cuantiosos materiais

Veciños da zona piden melloras de seguridade viaria para evitar unha desgraza

G24.gal 27/01/2026 14:05

O accidente aconteceu no paseo de Ronda contra as catro e vinte da tarde deste luns. Daquela, os traballadores dunha inmobiliaria próxima eran alertados por un forte estrondo.

"Vimos pezas voando e ao saír xa nos atopamos o coche accidentado. Saía moito fume e non se vía quen estaba dentro", comenta Álvaro Losada, empresario.

Álvaro e o condutor do coche que circulaba detrás do vehículo sinistrado foron os que, nun primeiro momento, socorreron a muller.

"Intentamos abrir a porta do condutor, pero non se podía. Tivemos que sacala pola do copiloto. Non tiña danos, só estaba nerviosa e atordada polo impacto. A súa xustificación era que se lle acelerou o coche só", engade Álvaro. 

Os danos, a pesar de seren cuantiosos, son só materiais. Amais do inmoble, resultaron afectados unha furgoneta e seis automóbiles, entre eles, o de Pilar.

"Durante a tarde vin moita lea, coches, luces, ambulancias... Pero como hai un centro sanitario na zona pensei que sería unha emerxencia. E ao chegar aquí levei unha sorpresa. Pero ben, o importante é que non houbo feridos", explica Pilar, a propietaria dun coche danado.

Pero na zona contan que, pola hora en que aconteceu, puido pasar unha desgraza.

"Aquí hai un cóctel perfecto que é: moito tráfico, a xente vai traballar con présa, centos de nenos baixan por aquí a dous colexios que hai na zona e hai pouca visibilidade", explica Fernando, un veciño da zona.

"Puido pasar unha desgraza gorda", engade outro residente. "Eu creo que poñendo uns pasos elevados ou calquera outra medida impedindo tamén o aparcamento que circunda a glorieta se poderían minorar os riscos. Que non collese a ninguén aquí, onte, foi unha sorte".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade