Publicador de contidos

Publicador de contidos

Asolagados varios garaxes en Bertamiráns

Asolagados varios garaxes en Bertamiráns

Os veciños botan a culpa ao taponamento dunha tubaxe de pluviais nunha obra próxima

A marca da auga quedou nas paredes do garaxe
G24.gal 27/01/2026 15:04

Ata medio metro de altura chegou a auga en varios garaxes de Bertamiráns. Todo o que había ao alcance quedou totalmente inservible, tamén os obxectos  que os veciños gardaban na parte baixa dos rochos.

 "Temos o conxelador, a rozadoira, a trade, todo o que tiñamos aquí, claro", enumera Juan Ferreiro, veciño do inmoble.

Algúns intentaron poñer a salvo algunha das súas pertenzas.

"Eu optei por non entrar porque me pareceu que podía ser mesmo perigoso", recoñece Rober Vázquez, veciño de Bertamiráns.

Por sorte, era pola mañá e a maioría dos coches estaban fóra. Con todo, houbo que evacuar algún.

"O noso veciño de aquí ao lado tíñao, estaba de vacacións en Lisboa e tiveron que chamar un cerralleiro e abrirlle a porta da casa e coller as chaves que tiña, sacarlle o coche, foi un enredo", conta Juan.

Pasaron xa máis de 24 horas e nun dos edificios aínda seguen achicando auga. 

"A auga chegou ata o ascensor, de feito segue sen funcionar agora. Hai moitísima auga na boca do ascensor", explica Rober.

Agora tócalles limpar, facer avaliación de danos e descubrir realmente o que pasou. As precipitacións foron moi intensas, pero os veciños sospeitan dun taponamento nunha tubaxe de pluviais nunha obra.

 "Dun edificio que se está construíndo parece ser que xa o Concello lle fixo un expediente hai dous meses ou así, que tiñan que abrir iso e non lle fixeron caso", sospeita Élida Pérez, veciña dun edificio afectado polas inundacións.

E é que a maior parte da auga entroulles no garaxe a través dos seus propios sumidoiros. 

"Taponaron o que é o desaugadoiro das augas, da drenaxe que vai dende o noso edificio e mais do outro edificio cara a onda o río", narra Constantino Soliño, veciño do edificio.

En canto romperon ese taponamento a auga empezou a saír con toda a súa forza.

"Aí foi cando conseguimos que baixase o nivel da auga".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade