Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ríos e baixos anegados ao longo de toda a conca do Lérez

Ríos e baixos anegados ao longo de toda a conca do Lérez

"Tiña unha cita especial no Montecelo e non puidemos saír da casa", laméntase unha veciña da Rúa do Santo, en Pontevedra

Mantense a alerta e a prudencia nas beiras dos ríos, moitos anegados

G24.gal 27/01/2026 14:43

Levan atrapados dentro da casa dende este luns. 

"Estivo inundado todo o día e toda a noite". "O meu veciño doulle tempo de marchar porque ten os pais maiores e a nai rompeu a cadeira pero non eu xa non puiden saír", contan os principais afectados.

A rúa do Santo foi durante horas un río, un río cargado de barro que atravesou portas e portais.

"Non se pode usar o garaxe, que está encharcado. Eu teño lodo por todas as partes e xa non se pode máis". "Dende outubro que levo aquí esta é a terceira. Esta foi a máis grave porque non parou de chover", engaden.

Están desbordados pola emoción e polo cansazo, porque debaixo dese lameiro, cada un loita coa súas circunstancias.

"Tiña que ir recoller un tratamento e non puidemos. Hoxe á mañá tiña unha cita para unha analítica especial no Montecelo, que temos que saber o resultado o xoves, e non puidemos saír", explica a muller.

Levan anos de litixio para que alguén asuma a responsabilidade e cruzan os dedos ante a próxima marea e o próximo temporal.

"Isto vai ser sempre porque aquí non desauga, está todo o tempo botando para fóra, a menos que o arranxen ben", laméntase outro veciño.

Non foron os únicos. En Marín, tamén houbo danos.

"Pola noite foise a luz ata as once do mediodía e a casa inundouse, o garaxe, o pozo, o xardín", explica un mozo.

Os danos esténdense por toda a conca do Lérez, que aínda hoxe baixa cheo e con forza. As zonas máis próximas aos ríos seguen pechadas e non sen razón. Unha vez máis, rebordou o Gafos en varios puntos, no rural e en pleno centro de Pontevedra.

Tamén o Gándara e o Fontáns, en Xeve. Alí pegou duro e a terra veuse abaixo. Unha das casas segue incomunicada, á espera de que poidan liberar o acceso que teñen. A ver canto tardan porque traballo hai dabondo e o prognóstico para os próximos días non axuda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade