Publicador de contidos

Publicador de contidos

O tempo en Ourense no inverno meteorolóxico, pouco frío e moito paraugas

O tempo en Ourense no inverno meteorolóxico, pouco frío e moito paraugas

Galicia rexistrou o inverno meteorolóxico máis húmido dos últimos 25 anos, o cuarto máis chuvioso da serie histórica

G24.gal 09/03/2026 14:28

Preguntar este inverno pola chuvia en Ourense non ten moito misterio.

“Xa non me acorda ver chover así. Din que non sei hai canto que non chove así neste tempo”.

A verdade é que en Ourense choveu por riba do normal. En total corenta e nove días en tres meses, a media está nuns dezaoito días por baixo. 

“Veñen uns días bos, pero de repente outra vez, érgueste e outra vez chovendo. E así levamos dende xaneiro ou decembro”.

“Todo o inverno levamos un pouco igual, de repente pasamos de vinte graos ou vintedous a estar a dous graos, e a chuvia xa podía marchar por onde veu, a verdade".

A precipitación acumulada foi medrando nos últimos meses. Dos 112 litros por metro cadrado de decembro aos 189 de febreiro. Pode parecer moito, e de feito considérase un mes extremadamente húmido, pero, para os que teñan máis memoria, no ano 78 esa precipitación acumulada foi en decembro de 406 litros por metro cadrado. Por iso hai a quen o deste inverno tampouco lle parece tan excesivo.

“Un pouquiño máis pero tampouco é excesivo. Galicia é Galicia”.

Iso se falamos de chuvia, pero e as temperaturas? 

“Agora debe haber dez graos ou once, así que neste tempo qué máis se vai pedir?”.

“Frío non fixo este ano. Dous días de xiada e nada máis”.

E é que o certo é que as máximas rozaron en Ourense nos últimos tres meses case os dez graos, un por riba do que é habitual nestas datas, a media das mínimas estivo nos cinco graos e medio. A presenza constante de borrascas axudou de feito a suavizar as temperaturas. Contan os ourensáns que viven por momentos unha especie de carrusel meteorolóxico.

“Hai unha semana, ou dúas semanas veu tempo solleiro, foi como esperanzador, de repente enerxía e sol e agora outra vez chuvia, para esta semana dan chuvia tamén. Pero xa queda pouco para a primavera, non queda nada”.

Galicia rexistrou o inverno meteorolóxico máis húmido dos últimos 25 anos, o cuarto máis chuvioso da serie histórica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade