Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ourense marca a máxima de Galicia con case 39 graos, e este venres continúa o aviso por calor

Ourense marca a máxima de Galicia con case 39 graos, e este venres continúa o aviso por calor

O interior da provincia de Pontevedra estará en alerta vermella

G24.gal 03/09/2026 18:52 Última actualización 03/09/2026 19:25

Galicia fai fronte a un novo episodio de calor.

Este xoves, os 16 municipios da zona isoclimática do interior de Pontevedra están en alerta vermella -o nivel máis grave- e os 79 do centro de Lugo, interior da Coruña e a montaña de Ourense están en laranxa -o segundo nivel máis grave-.

A cidade de Ourense marcou a temperatura máis alta de Galicia na xornada deste xoves con 38,9 graos rexistrados ás seis e vinte da tarde. A Arnoia chegou aos 38,4 e Vilamartín de Valdeorras soportou 38,2. Castrelo de Miño marcou 38,1.

E para o venres a Xunta activa a alerta vermella por calor no interior da provincia de Pontevedra

A Xunta informou da activación, este venres, da alerta vermella (nivel 3) no interior da provincia de Pontevedra por un episodio de calor, mentres que as zonas do Noroeste da Coruña e a montaña de Ourense estarán en alerta laranxa, e a montaña de Lugo e Valdeorras en nivel amarelo.

Así, a previsión é que as temperaturas no interior de Galicia estean entre os 36 e 39 graos. As máximas descenderán na metade norte da Comunidade e os ventos soprarán frouxos, con intervalos moderados no litoral norte.

Neste escenario, a Secretaría Xeral para o Deporte suspendeu a actividade deportiva do programa Xogade no exterior, entre as 12:00 e as 20:00 horas nas zonas con nivel vermello e laranxa. A actividade federada non se suspende, pero recoméndase ás organizacións de probas que adapten os horarios ás condicións de cada zona, evitando na medida do posible as horas de máis calor.

Por outra banda, a Xunta lembrou as recomendacións en materia de saúde, como a hidratación adecuada, evitar comidas copiosas, usar protección contra o sol, roupa cómoda ou protexer os grupos de risco (maiores e nenos, enfermos crónicos, persoas que toman determinados fármacos, persoas con determinadas patoloxías, persoas maiores que viven soas, traballadores, etc.).

Previsión das temperaturas para este venres Previsión das temperaturas para este venres
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade