As temperaturas baixan este martes entre cinco e dez graos en toda Galicia
O martes haberá algún chuvasco na provincia da Coruña e no norte de Lugo
A fin de semana volve o tempo de verán
O anticiclón situado ao norte da Península Ibérica mantén o ceo despexado, atrae aire cálido procedente do sur e deixa en Galicia unha nova xornada de moita calor.
"Temperaturas anómalas cos 30 graos de forma xeneralizada e 35 en puntos do interior. Pouco vento aumenta a sensación térmica de calor", di Xoán Taboada, de MeteoGalicia.
MeteoGalicia prognóstica algo de cambio mañá, coa entrada de aire atlántico, máis fresco e húmido.
"Mañá teremos un descenso importante entre cinco e dez graos menos dos que temos no día de hoxe. Incluso podemos ver algunha chuvia, intermitente e débil e só na Coruña, no norte da provincia de Lugo", di o meteorólogo.
O descenso das temperaturas manterase de martes a xoves. Contra a fin de semana volve o ceo sen nubes e o tempo seco.
"O venres pola tarde volvería recuperar, o que perde a partir de mañá, o sabado volvería subir e o domingo tocará teito, se cadra non tan altas coma esta fin de semana, pero por riba dos 30 graos. Non vemos borrascas no que queda de mes, pero iso non prexulga o que será a partir de outubro", explica Taboada.
Semella que os galegos poderemos agardar polo outono na praia ou buscando unha sombra.