Orellas, filloas, flores e rosquillas, as sobremesas que anuncian a chegada do entroido
As confeitarías despachan estas larpeiradas durante todo este mes
A tradición de facelas na casa vai mudando e cada vez mércanse máis
Durante a fin de semana nas comidas familiares destas datas xa non faltan sobremesas entroideiras por iso cando visitamos negocios como Artesáns Victoria atopamos varias bandexas de orellas, acabadas de facer, cos seguintes requisitos: masa fina, ben crocantes e sen pinga de aceite. Simples, pero laboriosas.
"É máis complicada de facer a orella. A filloa leva tempo pero fas seguido. A orella non, porque hai que facer a masa, que saia ben, deixala levedar, facer os boliños, deixar levedar, estiralas ben, darlle unha volta e outra. Despois preparar o aceite, que estea no seu punto, porque se non a fritura non sae ben e pode quedar aceitosa. Ten o seu aquel", describe María Victoria Sánchez do obrador Artesáns Victoria, en Santiago
Grandes como son véndense a case tres euros cada unha, pero as compradoras aseguran que paga a pena. Despois de moitos anos facendo nelas, que chas fagan tamén dá gusto.
"Tampouco son tan traballosas, o caso é poñerse a facelas. A min gústanme moito as flores, pero agora como estou moi cansa e teño moitos anos non as vou facer e as orellas tampouco porque as teñen aquí moi ricas", di unha clienta
Hai un ingrediente fundamental na feitura das orellas que deixa a masa no seu punto.
"Para que saian ben ricas hai que botarlles unha boa manteiga e hai que amasar ben a fariña. Non sei o truco que teñen aquí pero a min gústanme moito as de aquí", insiste a clienta.
"As filloas queren moito ovo, e as orellas moita manteiga. A orella non pode levar moito ovo porque queda dura pero coa manteca si queda máis crocante", di María Victoria.
E para rematar toca andar lixeiros na fritura porque tan axiña se fan como se comen.