Os veciños dun edificio incendiado na Coruña seguen sen luz e desaloxados dez semanas despois
A maioría dos veciños afectados buscou unha alternativa habitacional
Na última xuntanza comunicáronlles que ao longo deste mes a conexión eléctrica quedaría recuperada
Pasaron dez semanas desde que se orixinou un incendio no cadro eléctrico dun inmoble da Sagrada Familia e os veciños aínda non recuperaron a normalidade.
"Seguimos igual". "Estamos moi mal", comentan.
Ninguén esquece aquel 27 de novembro, no que 37 veciños foran desaloxados das súas casas. Hoxe, moitos aínda non regresaron porque seguen sen electricidade.
"Eu porque teño gas, pero hai xente que está sen luz e non lle queda outra que vivir así". "Hai quen segue en hostais, con familiares. Buscáronse a vida".
O luns pasado tiveron unha xuntanza na que lle comunicaron que ao longo deste mes a conexión eléctrica quedaría recuperada.
"Con esta chuvia non puideron traballar. Teñen que poñer estadas no exterior. E dixeron que agora en febreiro xa ía quedar todo ben". "A limpeza, como viñeron despois os albaneis, tamén a pararon". "Na xuntanza acordamos que pagamos nós o canleado para poñer a luz canto antes".
Tras o incendio, no que un veciño faleceu, a Policía Nacional prendera dous homes como presuntos responsables por manipular o cadro eléctrico. Despois de pasar á disposición xudicial, quedaron en liberdade, malia que están investigados por delitos de incendio, homicidio imprudente e lesións.