A cesta da compra deste Nadal xa está polas nubes e agárdase que os prezos suban máis
Segundo a OCU, os prezos encarecéronse un 5% con respecto ao ano pasado
Camaróns e nécoras mantéñense estables e podemos mercar cigalas a setenta e cinco euros o quilo
A escasos días da Noiteboa, os alimentos navideños non paran de subir. Segundo a OCU, os prezos encarecéronse un 5% con respecto ao ano pasado. E onde máis se nota é no marisco fresco.
Por exemplo, as cigalas que hai escasas semanas custaban uns 25 euros, agora non as atopamos por menos de 40, isto é un 60% máis. Algo similar ocorre co lagostino cocido que subiu un 37%. Iso si, a carne non anda tan mal de prezo. Só o cordeiro encareceuse en pouco máis dun euro por kilo.
A sorpresa ven con outros clásicos navideños. A uva branca disparouse un 38%, e ollo cos roscóns que se encareceron un 7%.
Este sábado non é un día de excesiva actividade nas prazas de abastos. Hai ambiente, pero boa parte da clientela, máis que mercar, está tomando nota.
"A xente comezou a conxelar produto desde finais de setembro. Comezamos a campaña de Nadal antes do normal . Vendeuse moitísimo. Agora as vendas paráronse un pouco.", di unha das peixeiras que atende nun mercado da Coruña.
"Veño a botar un ollo para saber o que se pode comprar o día 24, aínda que me temo que este ano vai estar todo moi complicado de prezos. Pero o Nadal hai que celebralo en familia e sempre podemos gastar un puco máis", engade unha clienta.
En xeral, todo vai caro, pero os prezos aínda han subir máis. Nas carnicerías, a tenreira está especialmente cara. O cordeiro xa supera os 30 euros o quilo.
"O solombo está case a 40 euros o quilo, e outras carnes están entre 18 e 19 euros, depende", comenta unha das carneiceiras do mercado coruñés.
Nos mariscos os camaróns e as nécoras mantéñense estables e podemos mercar cigalas a setenta e cinco euros o quilo. O prezo da ameixa e da centola xa subiu de forma considerable.
"A centola está xa a 55 euros, o camarón a 110-120, os prezos van subindo cada día máis."
Aínda que ningún marisco subiu tanto coma o percebe. O do Roncudo vendeuse a douscentos setenta euros o quilo.
"Cando hai moito mar e pouca marea... xa de normal, sen ser Nadal, vai caro; imaxinade nestas datas...", reflexiona outro peixeiro.
O luns, e sobre todo o martes e o mércores serán os días fortes nas prazas de abastos.