Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta cre que o prezo do combustible seguirá alto e descarta desabastecemento

A Xunta cre que o prezo do combustible seguirá alto e descarta desabastecemento

O director xeral de Planificación Enerxética afirma que o cru se encarecerá mentres dure a guerra en Irán

Pablo Fernández pídelle ao Goberno central que coordine coas comunidades medidas para afrontar a crise 

Defende unha aposta polas enerxías renovables para reducir a dependencia enerxética

 

Pablo Fernández Vila nun momento da entrevista
G24.gal 15/03/2026 09:30 Última actualización 15/03/2026 09:42

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia cre que a suba dos prezos enerxéticos dependerá da duración da guerra en Irán.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Pablo Fernández Vila, indicou que, con todo, non se prevé "unha escalada sen fin".

"O que vai ocorrer non deixa de ser unha incógnita e vai depender do que dure este conflito. Se dura, os prezos seguirán altos pero tampouco se prevé que sigan escalando sen fin".

O responsable de Planificación Enerxética do goberno galego atribuíu o maior encarecemento do gasóleo con respecto á gasolina a cuestións fiscais.

"Isto obedece ós impostos. No caso da gasolina, os impostos teñen unha porcentaxe máis representativa no custo total. No diésel, a materia prima inflúe mais significativamente, de aí que o prezo do diésel sexa maior có da gasolina".

O responsable da Xunta descarta un posible desabastecemento de combustibles nos mercados se prosegue o bloqueo no estreito de Ormuz.

"É habitual que nestas situacións haxa certa psicose pero tamén é certo que o abastecemento deste tipo de produtos provén de diferentes fontes. Agora mesmo é moi difícil que se produza desabastecemento no mercado mundial".

Pablo Fernández explicou, na Radio Galega, que esta situación prexudica especialmente a unhas 600 empresas que exportan os seus produtos a Oriente Medio.

Sinalou que a Xunta se reuniu, a semana pasada, cos clústeres que as representan e que xa están estudando diversas opcións como rutas comerciais alternativas ou apoios estratéxicos. Medidas como as establecidas en 2022, tralo estoupido da guerra en Ucraína.

"Estimamos que unhas 600 empresas galegas  están vendo afectadas as súas exportacións a Oriente Medio que en 2025 foron de 395 millóns. Estamos a estudar diferentes medidas pero tamén é certo que a afección da guerra vai depender, en gran parte, da resposta que deamos como país".

O director xeral de Planificación Enerxética incidiu en que, ademais do impacto nas exportacións, a guerra en Irán tamén está tendo "unha repercusión elevada" nos custos habituais das empresas como os enerxéticos e de transporte, especialmente en sectores como a minería e a loxística.

Pablo Fernández valorou que o Goberno sente con sindicatos e coas  empresas pero lamentou que non trate coas comunidades autonómas a resposta a esta crise.

"Para nós é esencial ir da man coa Administración central. Creo que aos cidadáns de a pé o que lles gustaría é que, con independencia do signo político, todas as administracións consensúen un paquete de medidas acorde coa realidade que estamos a vivir".

O responsable da Xunta lamentou que aínda non haxa unha data para a aplicación de medidas que amortezan a escalada dos custos enerxéticos e que, ao seu entender, terían un "impacto inmediato" como reducir o  IVE  da luz ou establecer descontos nos combustibles.

Dependencia enerxética

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta aposta polas fontes renovables para acadarmos a autosuficiencia enerxética "e non estarmos tan expostos a situacións como a actual". Tamén para obter enerxía a prezos máis baratos.

Pablo Fernández explicou que, a pesar de sermos excedentarios en xeración de enerxía eléctrica, temos unha importante dependencia enerxética do exterior que cifrou nun 60%, "principalmente de cru e produtos derivados do petróleo".

"A enerxía primaria autóctona, que en Galicia é fundamentalmente  de orixe renovable, acada as 2.620 quilotoneladas equivalentes de petróleo cando en verdade o consumo que temos supera as 5.000. Ademais estamos nun proceso de electrificación polo que temos que seguir apostando por proxectos de xeración de enerxía renovable para  defender esa autosuficiencia enerxética  e non estarmos tan expostos a situacións como a actual". 

Neste senso, apostou por aproveitar  todo o potencial que ten Galicia para xerar electricidade, principalmente a enerxía  hidráulica e eólica.

O director xeral de Planificación Enerxética, indicou que "deberiamos apostar polas centrais hidráulicas reversibles" e lamentou a paralización eólica.

"Por desgraza, esta situación que está a impedir o desenvolvemento de novos parques eólicos tamén impide que todos os galegos e galegas gocemos dun prezo enerxético máis baixo".

Pablo Fernández tamén defendeu que os proxectos de hidróxeno verde "teñen que ser unha das puntas de lanza para a descarbonización industrial".

O responsable da Xunta lembrou que a Lei de Recursos Naturais busca garantir que calquera proxecto que use recursos  de Galicia, xere riqueza no territorio.

Preguntado pola fábricas de biofibras recicladas que Ence proxecta nas Pontes, defendeu que tódalas iniciativas que se desenvolvan na comunidade "van ser ben recibidas" sempre que xeren beneficios sociais e económicos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade