Prazas de garaxe ata un 20% máis caras por mor da falla de estacionamentos
As principais cidades galegas teñen prezos por riba da media estatal
Na Coruña o custo dunha praza de garaxe disparouse máis dun 20% o último ano
A suba do prezo dos garaxes nas cidades trasládase ao resto das áreas metropolitanas
Os novos modelos urbanos de mobilidade, coa aposta polos peóns e os vehículos sostibles, están desprazando ao coche privado, que cada vez conta con menos sitio onde estacionar. Pero é que a suba do prezo da vivenda, tamén está contaxiando ao das prazas de garaxe que nos últimos anos non paran de subir de prezo.
Segundo os informes de Fotocasa, Galicia está entre as sete comunidades co prezo medio máis caro para comprar unha praza de garaxe e a Coruña figura como a cidade que máis encareceu o seu custo, cunha suba do 20% no último ano e medio.
"Nunha cidade a media pode estar entre cen e cento cincuenta euros a praza de alugueiro e na venda, entre sesenta e setenta mil euros. Estamos falando de grandes cidades e dependendo da zona", asegura Xacobo Blanco xerente da inmobiliaria Capitel KSA en Ames.
O alugueiro segue unha tendencia similar. A media por alugar unha praza é duns sesenta e dous euros, aínda que en cidades como A Coruña ou Vigo pode duplicarse perfectamente esa cifra. E iso acaba arrastrando tamén as zonas lindeiras das cidades, como por exemplo, no Milladoiro, moi preto de Santiago de Compostela.
As alternativas non son doadas para os usuarios, con cada vez máis xente vivindo nas urbes e con menos aparcamentos en superficie.
"Prescindir do coche e andar no autobús", sinala un veciño como solución e mais co panorama a curto prazo que se presenta.
"O mellor nun ano ou dous anos non veremos unha baixada de prezos, porque a xente segue tendo esa necesidade e mentres non se cubran esas necesidades os prezos seguirán a alza", comenta o xestor inmobiliario.
Ao final, o transporte público vaise conformando paseniñamente como a alternativa válida para os que dependan do coche para traballar ou desprazarse.