A gasolina sobe 10 céntimos litro e o diésel tres pola retirada de bonificacións
Tras máis de tres meses reducido a un 10%, o IVE volve a un 21%
Competencia publicará a lista das gasolineiras que aproveiten as axudas para aumentar beneficios
As estacións deberán habilitar unha canle de reclamación visible, accesible e gratuíta no propio establecemento e na súa páxina web
Foto de arquivo/Europa Press
Dende este mércores encarecen os carburantes polos cambios fiscais que fixo o Goberno, retirando as bonificacións progresivamente. A previsión é unha suba media de 10 céntimos por litro na gasolina e case 3 céntimos no diésel, ao desaparecer a rebaixa do IVE. Tras máis de tres meses reducido a un 10%, volve a un 21%. O que si continúa é a rebaixa temporal do imposto especial sobre hidrocarburos.
As gasolineiras que busquen aumentar os seus beneficios aproveitando as axudas estatais e rebaixas fiscais aprobadas polo Goberno para facer fronte ás consecuencias da guerra en Irán identificaranse nunha lista pública para que os consumidores poidan reclamar.
Este mércores entra en vigor a o real decreto-lei para facer fronte ás consecuencias económicas do conflito en Oriente Medio, que entre as súas medidas inclúe un maior control sobre o mercado de carburantes.
Impulsadas polo Ministerio de Consumo, entre as principais actuacións atópase a de informar aos consumidores e usuarios de se hai estacións de carburantes que poidan estar a se aproveitar das axudas estatais de protección pola guerra de Irán (como o desconto por litro de hidrocarburo) para aumentar os seus beneficios.
Esta información ofrecerase a través dunha lista pública por comportamento anómalo que se habilitou na web da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) para dar a consumidores e usuarios a posibilidade de reclamar.
Para iso, a propia CNMC vixiará as marxes de beneficio de todas as estacións de carburantes. Ata o de agora, só se obrigaba a dar razón dos seus datos a aqueles operadores que tivesen capacidade de refino en España, e, con esta modificación normativa, eliminouse esa limitación e todos os operadores por xunto están obrigados a desagregar os seus custos reais e prezos de venda ata o 31 de decembro de 2026, e establécese como unha infracción grave o incumprimento deste deber de información.
Deste xeito, a CNMC poderá comprobar en que gasolineiras existen anomalías, é dicir, en que estacións soben o prezo dos seus carburantes sen xustificar que esa suba corresponde a un incremento dos custos reais. E os nomes daquelas gasolineiras nas que haxa indicios de comportamentos anómalos serán publicados nesta lista.
Ao mesmo tempo, este novo mecanismo impón novas obrigacións ás gasolineiras para garantir este cumprimento. En primeiro lugar, deben habilitar unha canle de reclamación visible, accesible e gratuíta tanto no propio establecemento como na súa páxina web, e terá que estar dispoñible ata tres meses despois de saír da lista pública.
Ademais, introdúcese a responsabilidade compartida: se o prezo o fixou un terceiro, a gasolineira deberá facilitar ao consumidor a identidade e contacto do distribuidor grosista para que poida así presentar a reclamación económica contra o responsable de fixar o prezo.
Ademais, o Departamento que dirixe Pablo Bustinduy aclarou que, se a empresa rexeita a reclamación do consumidor, esta deberá informarlle das vías dispoñibles para resolver o conflito sen acudir aos tribunais, explicarlle como acceder a elas e facilitarlle os datos dos organismos competentes para que poida exercer os seus dereitos.