Publicador de contidos

Publicador de contidos

Lalín celebra a XXVI Festa da Malla Tradicional

Lalín celebra a XXVI Festa da Malla Tradicional

É unha recreación histórica do maior traballo comunitario de Galicia durante séculos

Máis de medio cento de persoas, maiores e novos, colaboraron na recreación dos cinco tipos de malla que se fixeron en Galicia

G24.gal 23/08/2025 15:44

Xa levan 26 anos con esta celebración. A Festa da Malla Tradicional, en Doade, Lalín, é a recreación histórica do maior traballo comunitario de Galicia durante séculos, un labor que representa a separación do gran da palla... a culminación do proceso do pan.

"A malla era o acto sociocultural e comunitario máis importante de Galicia durante centos de anos, onde parroquias enteiras se xuntaban a mallar porque necesitaban os veciños, estiveran enfadados ou non ían ás mallas dos outros e facían un grande equipo durante un mes. E o punto culminante do proceso do pan que reproducimos no museo, desde a sementeira, ata o cocido do pan, pasando pola malla, evidentemente. O pan, que xunto co leite, foi a base da alimentación en Galicia durante moitos anos", di Manuel Blanco, xerente do museo etnográfico Casa do Patrón.

Máis de medio cento de persoas, maiores e novos, colaboraron na recreación dos cinco tipos de malla que se fixeron en Galicia. Desde a malla á pedra, sen ningún tipo de maquinaria, a malla con mallos, con malladoira manual, con motores e aventadoras para separar a palla do gran e ata o uso do tractor.

"As mallas aquí en Galicia desapareceron a partir dos anos 70, houbo outro xeito de facelo. Nós queremos dar a coñecer que isto é a nosa historia", destaca Maximino Míguez, membro da organización da Festa da Malla Tradicional.

"Para min é un orgullo saber o que eles facían, darse conta do traballo que daban as cousas antes, que agora moitas veces non o pensamos, un orgullo".

"Un labor que era moi común nas aldeas na época de meus avós, é un privilexio poder aprender aquí na miña aldea como se vivía antes e valorar máis o que temos a xente nova", din algúns dos mozos que participaron na malla.

A celebración da Festa da Malla Tradicional tamén inclúe xantar popular, festa e baile.

 

 

 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos