A Festa da Malla volve encher Meira de nostálxicos dos labores agrícolas
Centos de persoas asisten a unha malla que se consolida como unha das máis tradicionais de Galicia
A Festa da Malla de Meira chegou esta fin de semana á trixésimo terceira edición. Destaca esta festa polo elevado número de persoas que se congregan na Praza Maior desta localidade para asistir á separación da palla do grao, neste caso trigo grandal.
Aquí os voluntarios van sacando os mollos da meda e meténdoos na malladora ou ben mallándoos a man. Despois levan o trigo para a máquina de limpar e van metendo o gran en sacos.
Parte do froito véndeselle aos panadeiros da zona e a outra parte gárdase para botalo o ano que vén.
O interese desta festa é o de que non se perda unha tradición que tiña un gran poder para unir a xente nas aldeas, cando, malia ser un labor tan duro, tamén era o momento en que se xuntaba a veciñanza, en que se compartía e en que a xente se axudaba.