Rouban un reloxo valorado nuns 15.000 euros dunha vivenda do centro da Coruña
Os veciños piden máis vixilancia para frear a vaga de asaltos na zona
Os veciños do número 2 da rúa Doantes de Sangue non se explican como os ladróns puideron entrar no seu edificio. "Nós temos a chave, a pechadura é automática. Salvo que tivesen unha copia, que o vexo difícil.", comenta a veciñanza.
O caso é que para os delincuentes non foi complicado e lograron entrar en dous pisos. Dun deles fixéronse, polo menos, cun reloxo valorado nuns 15.000 euros. "Estivo aquí onte a policía preguntando, pero non puidemos colaborar moito porque non o sabiamos. Xa entraran aí mesmo, no quinto", explican.
Porque contan que os negocios da contorna da praza de San Pablo tampouco se libran dos roubos. "No Pinar, a semana pasada, no Pinar, quedou unha persoa dentro para roubar, pero como baixaron a reixa e quedou detro. E no Áurea tamén...".
Para evitar novos episodios consideran necesario que se incremente a vixilancia: "Ten que haber máis policía que controle un pouco a zona".
Pero cómpre tamén extremar as precaucións: "Eu na casa teño alarma. Vivo nun oitavo sen terraza, é complicado entrar, pero aínda así puxemos unha alarma".
Non se desbota que os ladróns que están a actuar na Coruña pertenzan a unha banda itinerante, procedentes de Europa do Leste, expertos neste tipo de delincuencia. A Policía Nacional investiga estes roubos e outro perpetrados na contorna de Riazor e na praza de Pontevedra.