Rueda apela á "cooperación e aos consensos" na apertura do curso universitario
O presidente do Consello do Estudantado, Andrés Couso, instou as administracións a buscar solucións á perda de galegofalantes e á falta de vivenda para os estudantes
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu o acto de apertura do curso universitario en Galicia, que comeza o luns. No acto, celebrado no Pazo de Fonseca, en Santiago, o reitor compostelán, Antonio López, destacou entre os desafíos asegurar o financiamento ou buscar solucións á falta de vivenda para os alumnos.
O encargado de abrir as intervencións foi o presidente do Consello do Estudantado, Andrés Couso, que reclamou que sexa escoitada a voz dos alumnos.
Couso instou as administracións a buscar solucións á perda de galegofalantes, á falta de vivenda para os estudantes ou ao "infrafinanciamento" das universidades.
Ao problema da vivenda tamén se referiu o reitor de Santiago, que pediu garantir os ingresos para as universidades e a súa autonomía. Nun inicio de curso marcado polo debate da creación de facultades de Medicina na Coruña ou Vigo, Antonio López asegurou:
"É lícito e razoable que cada unha defenda e persiga os seus propios intereses, pero esa defensa debe exercitarse nun marco de lealdade institucional, de debate interno rigoroso e de busca de acordo".
Colaboración leal e busca de acordo, que tamén defendeu o presidente da Xunta, para dar respostas aos desafíos actuais da universidade.
"Galicia medra cando todas e todos remamos na mesma dirección, e creo que a universidade é mellor exemplo de que a cooperación dá moitos máis froitos que a división", afirmou Alfonso Rueda.
O xefe do Goberno galego reivindicou que Galicia é a única comunidade coa matrícula universitaria gratuíta, unha medida da que xa se beneficiaron 28.000 estudantes nos dous cursos que leva en vigor. Rueda tamén reafirmou o compromiso da Xunta coa investigación, coa creación da Fundación Galtia para atraer científicos.