Derrúbase parte dun muíño catalogado na Ponte Maceira
Caeu parte da fachada, que levaba anos danada por unha fenda nas pedras
Na Ponte Maceira xa se sabía dunha conta atrás; din que era cuestión de tempo que caera o muíño.
"Estaba medio arruinado xa", di Eugenio Vilacoba, un veciño. "Tiña gretas, bastante separación dunhas pedras a outras".
E foi por esa fenda que acabou por colapsar. Os muíños, de máis de douscentos anos, son construcións catalogadas dentro do Ben de Interese Cultural que protexe a ponte da Ponte Maceira. Agora toca avaliar os danos que, en principio, só afectan á parte exterior.
"Agás vicios internos, nestes momentos vese estable, veuse abaixo a cara exterior", afirma o arquitecto municipal de Negreira, Alfredo Varela.
Con todo, di que "hai que actuar urxentemente e repoñer esa parte", porque en época de caudais intensos "a auga vai varrer" e, con esa esquina derrubada, a situación de colapso "pode ser inminente" por como traballa a auga nese punto.
E é que as enchentes do Tambre son frecuentes na Ponte Maceira. Nos casos máis extremos, a auga chegou a cubrir os tellados deses muíños, así que o risco está aí. Urxen reparacións para evitalo, pero o caso é acordar quen ten que asumilas. Teoricamente os muíños son propiedades privadas, pero complícase o de localizar os propietarios.
"Temos indicios de que un é dunha familia e outro dunha mancomunidade de usuarios, pero non temos datos dos mesmos, así que dende o Concello é imposible mandar requirimento para arranxar", explica Varela.
Apelan entón á Administración Autonómica, e dende a Xunta aclaran que non poden actuar sobre bens privados. Con todo, din que os técnicos de Patrimonio están avaliando a situación.
Dende o Concello de Negreira alertan tamén de danos na presa, que rebentou en varios puntos, e na propia ponte, con gretas nun dos arcos. Piden axuda para manter este patrimonio a salvo.