Segue a busca de dúas persoas arrastradas polo río Foix en Cubelles (Barcelona)
Segundo varias testemuñas, tentaban cruzar o leito nun momento de grande enchente
Os bombeiros seguen buscando no río Foix e na súa desembocadura dúas persoas presuntamente desaparecidas durante a riada ocasionada pola DINA que asolagou boa parte de Cataluña esta fin de semana.
Polo momento, ninguén denunciou formalmente en Cataluña a desaparición de persoas, polo que a busca baséase no testemuño de xente dos arredores do encoro de Foix, que aseguran que viron como a forza do río arrastraba dúas persoas que tentaban cruzalo.
"Esta é a información coa que nos traballamos, que é a testemuña que viu dúas persoas que puideron ser arrastradas pola forza do río. E por iso os bombeiros traballan nesta zona con todos os seus medios, para poder atopar estas persoas, se é que foron arrastradas polo río, como dixo a testemuña, sinalou Nuria Parlón, conselleira de Interior e Seguridade de Cataluña.
"Percorremos moito a zona, e polo momento non atopamos nada, e agardemos rematar e que non sexa verdade", engadiu a alcaldesa de Cubelles.
As chuvias torrenciais que trouxo a DINA este sábado obrigaron os responsables do encoro de Foix a abrir as comportas, o que incrementou as inundacións e a forza da auga na zona.
De feito, Protección Civil enviou unha mensaxe ós teléfonos móbiles da xente que andaba pola zona para avisalos da apertura das comportas, e o conseguinte risco se tentaban atravesar o río ó seu paso polo concello barcelonés de Cubelles.
Regresa o bo tempo
Pendentes do resultado da busca dos dous presuntos desaparecidos, a maior parte de Cataluña e Aragón recuperan este domingo o bo tempo tras o paso da DINA. As chuvias e as inundacións deixaron tras de si ducias de coches estragados, dos que houbo que rescatar algúns ocupantes.
Tráfico ferroviario
A DINA anegou tamén o hospital comarcal de Vilafranca del Penedés, que tivo que ser completamente evacuado e que estará pechado polo menos tres semanas. O tráfico ferroviario, interrompido en Cataluña na tarde deste sábado, recuperou case completamente a normalidade.
