Publicador de contidos

Publicador de contidos

Polonia pecha parte do seu espazo aéreo polos ataques rusos contra Ucraína

Polonia pecha parte do seu espazo aéreo polos ataques rusos contra Ucraína

O Exército desprega aeronaves de xeito preventivo co obxectivo de garantir a seguridade

Catro persoas morren en Kíiv nunha noite na que Rusia lanzou case 500 drons e corenta mísiles

Exercicios militares preto de Orzysz, Polonia. REUTERS/Kacper Pempel/Arquivo Exercicios militares preto de Orzysz, Polonia. REUTERS/Kacper Pempel/Arquivo
G24.gal 28/09/2025 08:52 Última actualización 28/09/2025 10:06

Polonia pechou o espazo aéreo preto das súas cidades surorientais de Lublin e Rzeszów ata as 6:00 horas deste domingo debido a unha actividade militar non planificada relacionada coa seguridade do Estado, segundo informa o servizo de seguimento de voos Flightradar24.

Pola súa banda, as forzas armadas polacas anunciaron a despregadura de aeronaves para garantir a seguridade do seu espazo aéreo tras os ataques rusos contra Ucraína.

"En relación cos ataques da aviación de longo alcance da Federación Rusa contra o territorio de Ucraína, as aeronaves polacas e aliadas comezaron a operar no noso espazo aéreo", declarou o exército nunha publicación en X.

Describiu as accións como preventivas, destinadas a asegurar o espazo aéreo e protexer a cidadanía. Os datos da Forza Aérea de Ucraína mostraron que as alertas antiaéreas estaban vixentes en todo o país ás cinco da madrugada.

Danos nunha clínica alcanzada por drons rusos en Kíiv. REUTERS/Gleb Garanich Danos nunha clínica alcanzada por drons rusos en Kíiv. REUTERS/Gleb Garanich

Rusia lanza 500 drons e 40 mísiles contra Ucraína

Rusia lanzou case 500 drons e corenta mísiles contra Ucraína durante a noite, segundo informa o presidente do país invadido, Volodímir Zelenski. Como consecuencia do ataque, polo menos catro persoas morreron en Kíiv e corenta quedaron feridas en todo o Estado.

"Ataques salvaxes, terror deliberado, dirixido contra cidades ordinarias: case 500 drons de ataque e máis de 40 mísiles, incluídos mísiles Kinzhal", denunciou nas súas redes sociais.

Os principais obxectivos dos ataques rusos, máis aló de Kíiv e a rexión da capital -onde sufriu danos o edificio do Instituto de Cardioloxía, entre outros-, foron as rexións de Zaporiyia, Jmelnitski, Sumi, Mikoláiv, Chernígov e Odesa, no sur, norte e centro do país.

Os danos materiais inclúen unhas instalacións de fabricación de pan, unha planta de manufactura de pneumáticos, vivendas particulares e outras infraestruturas civís, segundo o presidente.

"Este vil ataque se produciu virtualmente ao final da semana da Asemblea Xeral da ONU e isto é exactamente como Rusia declara a súa verdadeira postura. Moscova quere seguir loitando e matando e merece que o mundo exerza sobre ela a presión máis dura (...) Seguiremos contraatacando para privar a Rusia dos seus fluxos de ingresos e forzala cara á diplomacia. Todos os que queren a paz deben apoiar os esforzos do presidente Trump e deter todas as importacións rusas", asegurou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade