Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alemaña anuncia unha reforma para que o Exército poida derrubar drons

Alemaña anuncia unha reforma para que o Exército poida derrubar drons

O ministro do Interior confirma un aumento de avistamentos destes artefactos sobre o territorio

Un soldado alemán amosa un inhibidor de drons en Hamburgo. REUTERS/Lisi Niesner Un soldado alemán amosa un inhibidor de drons en Hamburgo. REUTERS/Lisi Niesner
G24.gal 27/09/2025 18:23

O ministro do Interior de Alemaña, Alexander Dobrindt, declarou este sábado nunha comparecencia que prepara unha reforma legal para que as Forzas Armadas (Bundeswehr) teñan permiso para derrubar drons que supoñan un perigo para a seguridade pública.

Segundo explicou en Berlín, poden darse situacións, no contexto actual, no que sexa necesario que a Bundeswehr apoie a Policía, que legalmente ten a potestade para realizar este tipo de operacións nestes momentos.

"Presentaremos a lei este mesmo outono", declarou o ministro, que anunciou tamén o propósito de crear un centro de competencia de drons en Alemaña onde se investiguen as aplicacións desta tecnoloxía, coa axuda da experiencia adquirida por outros países.

Avistamentos de drons

Dobrindt referiuse ademais ao avistamento de drons sobre a rexión alemá setentrional de Schleswig-Holstein, preto da fronteira con Dinamarca, que anunciaron o venres as autoridades rexionais, e falou de "enxames de drons", que non observaran ata o de agora.

O ministro sinalou que o aumento dos avistamentos pode interpretarse na dirección dun incremento do risco, pero matizou que un mero sobrevoo non representa un perigo agudo concreto.

"Aínda así é algo que temos que tomar en serio, porque diso pode xurdir rapidamente unha ameaza", afirmou.

En Dinamarca e en Noruega rexistráronse esta semana un bo número de incidentes nos que se detectaron drons preto de instalacións militares e aeroportos, o que obrigou a pechar algúns ao tráfico aéreo temporalmente.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade