A Ribeira Sacra realiza ensaios de vendima con drons
Serían de grande axuda na vendima en parcelas moi complicadas
Os viticultores da denominación de orixe opinan que a maior prestación que ofrece o uso desta tecnoloxía é para a aplicación de fitosanitarios ou para o transporte de material
A orografía da Ribeira Sacra fai que a vendima adquira, diriamos sen moito esaxerar, aires épicos. Traballar entre empinados viñedos non é nada doado. A tecnoloxía podería botar unha man. Estanse facendo probas con drons para poder cargar as uvas das zonas de cultivo máis inaccesibles.
Este é un dos primeiros ensaios que se fai na Ribeira Sacra para comprobar a eficacia do uso desta tecnoloxía.
Antonio Lombardía, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, di que practicamente todo o traballo se realiza á man como dende hai séculos. "Pretendemos seguir traballando así pero incorporando as novas tecnoloxías. Estamos testando para ver se é útil para os viticultores da zona".
A proba de carga desenvolveuse con éxito. Iván Olmedo, da adega Finca Míllara, considera que foi unha experiencia moi positiva. "É unha posible vía para poder traballar no futuro con estes sistemas de drons que nos permitan non só vendimar senón transportar material a zonas de difícil acceso".
O aparello foi quen de trasladar a caixa con uvas da viña á adega, pero a súa capacidade de carga, uns 30 quilos por viaxe, fai pensar que a súa utilidade sería práctica só en terreos especialmente complicados.
Pablo Menéndez, enxeñeiro de drons en INECO, di que estes aparellos teñen case tres metros de envergadura. "Son moi grandes. O dron pesa 65 quilos e transporta unha caixa de 30 quilos no aire polo que é unha operación que require uns estándares de seguridade moi rigorosos. Hai que probar en que parcelas van ben e en cales non".
Pola súa parte, Antonio Lombardía di que o dron non resultaría competitivo en todos os casos, pero si que podería ser moi útil en terreos con accesos moi complicados.
Moi útil, sen dúbida, na aplicación de tratamentos fitosanitarios. Antonio Lombardía opina que "os drons interésannos máis para tema de sulfatos e outras aplicacións. Temos pouca man de obra e unha poboación envellecida e trátase dun traballo moi sacrificado. Sería unha axuda para que o agricultor poda manter este tipo de viticultura".
A iniciativa forma parte do proxecto ESCAI, desenvolvido polo INECO, que promove o uso de drons para prestar servizos clave en zonas rurais.