Viño de Amandi nos avións de Iberia
Por vez primeira, a carta da compañía aérea incorpora un caldo da Ribeira Sacra
Máis de 3.000 botellas do tinto novo da adega Guímaro, de Sober, xa se incorporaron á oferta de viños da compañía Iberia. Para poder estar presente na carta da aeroliña, este caldo da subzona de Amandi participou, con éxito, nunha cata a cegas.
"Nós soubémolo a través dunha 'broker' que nos vende en determinados países, que o presentara á cata dos viños. Segundo nos explicou, é como unha cata a cegas onde se catan moitos viños, e os tres primeiros son seleccionados directamente para estar nas salas VIP durante un ano", sinala Pedro Rodríguez, dono da adega.
É a primeira vez que a compañía aérea Iberia incorpora na súa carta un viño da Ribeira Sacra. Para o xerente da adega soberina, este fito histórico supón non só un escaparate de luxo para os seus produtos, senón para toda a denominación de orixe.
"Persoalmente, penso que é un escaparate moi bo, posto que durante un ano pasan polos aeroportos e polas zonas VIP miles de persoas. Á parte de ser un fito importante no ámbito persoal, tamén o é a nivel da Ribeira Sacra, porque é un escaparate ao final para todos. Como din amigos meus, para que unha zona sexa importante internacionalmente, non pode haber unha adega ou dúas que destaquen, senón moitas que fagan as cousas ben", opina o adegueiro.
Ao longo do ano vindeiro, a aeroliña Iberia prevé comercializar unhas 10.000 botellas deste viño galego.