A Unesco apraza o soño da Ribeira Sacra de ser Patrimonial Mundial
A división do comité tivo lugar despois de que o Consello Internacional de Monumentos e Sitios aconsellara non inscribila por non ver exemplo sobresaínte dun asentamento humano tradicional e criticar os criterios de integridade e autenticidade
O texto adoptado finalmente pide a España presentar con maior detalle os atributos do ben en cuestión, continuar a documentación dos elementos hidráulicos e desenvolver a presentación da evolución histórica da paisaxe
A Unesco decidiu este luns devolver a candidatura a Patrimonio Mundial da paisaxe acuática da Ribeira Sacra, en Galicia, coa fin de que as autoridades españolas reformulen a xustificación desta inscrición baixo os criterios necesarios.
O Comité de Patrimonio Mundial da organización da ONU para a Educación, Ciencia e Cultura tomou esta decisión durante a asemblea anual que se está celebrando na cidade surcoreana de Busán, despois de que dous terzos dos membros acabasen decantándose por esta opción tras horas de debate.
A avaliación estaba programada para a sesión matutina da asemblea (3:00 hora galega), pero a candidatura dividiu ao comité ao xerar un intenso debate que obrigou a pospoñer a decisión á sesión da tarde (8:00 hora galega) para levar a cabo consultas internas para un punto en común.
O texto adoptado finalmente pide a España presentar con maior detalle os atributos do ben en cuestión, continuar a documentación dos elementos hidráulicos e desenvolver a presentación da evolución histórica da paisaxe.
Así mesmo, o documento solicita que o Estado parte invite a unha misión de asesoría para apoiar o traballo sobre información adicional antes da revisión da candidatura, de conformidade coas directrices operativas.
A división do comité tivo lugar despois de que o Consello Internacional de Monumentos e Sitios (Icomos), asesor oficial do organismo, aconsellara non inscribir a Ribeira Sacra por non ver exemplo sobresaínte dun asentamento humano tradicional e considerar que non cumpre de forma suficiente cos criterios de integridade e autenticidade.
A Ribeira Sacra, único lugar de España que aspira a converterse en Patrimonio da Humanidade nesta cita en Corea do Sur, comprende as ribeiras dos ríos Cabe, Sil e Miño, localizadas no sur da provincia de Lugo e o norte da provincia de Ourense, e foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 2018.
Rueda anima a "redobrar esforzos" para que Ribeira Sacra sexa Patrimonio Mundial en 2027
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu a implicación do Goberno na defensa da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial que finalmente non conseguiu, polo que animou a "redobrar esforzos" para logralo o próximo ano.
O presidente galego destacou en conferencia de prensa que España terá un ano "para aclarar as discrepancias" observadas entre o comité e a candidatura, polo que queda por diante "un intenso traballo", dixo.
Rueda destacou que o representante do Goberno neste órgano defendeu "con convicción e énfase" a candidatura da Ribeira Sacra, polo que agradeceu e recoñeceu publicamente a súa implicación e a de todo o Executivo.
"Non puido ser", lamentou o presidente da Xunta, que sinalou, no entanto, que a candidatura non foi retirada, senón que será avaliada de novo o próximo ano, motivo polo que avogou por "redobrar os esforzos".