Volven atacar con pintadas a sede do PSOE en Lugo, que alerta da "escalada de violencia política"
É o segundo ataque nos últimos once días
O PSOE denuncia que as novas inscricións mostran un contido "moito máis grave", con mensaxes que apelan abertamente ao "fascismo e á ultradereita"

A sede do PSOE de Lugo foi obxecto este sábado dun novo acto vandálico, con varias pintadas con mensaxes que apelan á ultradereita, uns feitos que os socialistas condenaron, á vez que alertan dunha "escalada de violencia política". Deste xeito, nun comunicado, o PSOE provincial de Lugo denunciou con "absoluta rotundidade" este novo ataque, rexistrado poucos días despois da anterior pintada que apareceu no edificio.
Segundo indican, nesta ocasión, os autores estenderon as pintadas tamén aos baixos comerciais situados á beira da sede, o que provoca un "prexuízo directo" aos veciños e supón un "salto cualitativo na gravidade dos feitos".
O PSOE denuncia que as novas inscricións mostran un contido "moito máis grave" que o da semana pasada, con mensaxes que apelan abertamente ao "fascismo e á ultradereita". "Vox é a salvación", "Vota Vox 2027", "Cans" ou "Falanxe", indican as pintadas que, segundo o PSOE, "convértense nun ataque directo á democracia e nun novo intento deliberado de sementar o odio, a intimidación e a división social".
Os socialistas consideran que ten lugar "unha escalda intolerable de violencia política e de odio", que "non só pretende agredir o PSOE como organización, senón poñer en cuestión os principios básicos da democracia, a convivencia e a liberdade de expresión, e que afecta, ademais, á vida cotiá da cidadanía".
ATAQUES REITERADOS
A vicesecretaria xeral e responsable de Organización do partido na provincia, Pilar García Porto, advertiu de que o que se viven son "ataques reiterados contra un partido democrático de goberno, con máis de 140 anos de historia ao servizo da sociedade".
"Non é unha casualidade nin un feito illado: trátase dunha estratexia de odio alentada pola extrema dereita, que busca normalizar a crispación e a intolerancia e que rexeitamos con total firmeza", manifestou.
O PSdeG, que crítica a "covardía" de que quen leva a cabo estes feitos, avanzou que adoptará as medidas legais correspondentes e trasladará o sucedido ás autoridades competentes.
Condenamos con absoluta firmeza o novo atentado acontecido na nosa sede provincial, apenas uns días despois do ataque anterior.
— PSdeG-PSOE Provincial Lugo (@PsoeLugo) September 27, 2025
As novas pintadas amosan un contido moito máis grave ca o da semana pasada, con mensaxes que apelan abertamente ao fascismo e á ultradereita. (1/4) pic.twitter.com/gxjHyhf0vI