As sancións a Irán entran en vigor tras fracasar a resolución de China e Rusia na ONU
O Consello de Seguridade rexeitou dar unha prórroga de seis meses a Teherán
As medidas inclúen restricións económicas, inspeccións e conxelación de activos

As sancións a Irán por falta de cooperación co Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) entrarán en vigor este sábado despois de que o Consello de Seguridade da ONU rexeitase este venres unha resolución de Rusia e China para conceder unha prórroga de seis meses a Teherán.
A proposta obtivo só catro votos a favor, nove en contra e dúas abstencións, quedando lonxe dos nove necesarios para ser aprobada. As medidas aplicaranse a partir das 08.01 horas en Nova York (12:00 GMT), segundo confirmou o voceiro da Secretaría Xeral da ONU, Stéphane Dujarric.
As sancións, coñecidas como snapback, foron impulsadas polo grupo europeo E3 (Francia, Alemaña e Reino Unido), que considera que Irán incumpriu os compromisos adquiridos no acordo nuclear de 2015. Ese pacto foi abandonado por Estados Unidos en 2018, e desde entón Teherán acusa os países europeos de non cumprir a súa parte.
Segundo o embaixador adxunto ruso, Dmitri Poliansky, Irán mostrou unha actitude “construtiva” co OIEA, pero sufriu a “política hipócrita dos países occidentais”, que optaron pola “chantaxe” en lugar da diplomacia.
As resolucións da ONU teñen como obxectivo frear o enriquecemento de uranio e o programa de mísiles iraniano, autorizar inspeccións de avións e buques, conxelar activos económicos e impor prohibicións de viaxe a persoas e entidades iranianas.
Teherán defende que as sancións deberían centrarse na non proliferación nuclear e militar e non na economía.
En paralelo, Irán xa sofre restricións de Estados Unidos que limitan as súas exportacións de petróleo, gas e derivados. A pesar diso, segundo a Axencia Internacional da Enerxía, produce 4,8 millóns de barrís diarios e exporta 2,6 millóns, a maioría cara a China.