Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta critica o Plan Estatal de Vivenda que propón o Goberno central

A Xunta critica o Plan Estatal de Vivenda que propón o Goberno central

O ministerio convocou as comunidades autónomas o xoves da semana que vén

G24.gal 26/09/2025 14:44

Isabel Rodríguez presentoulles este venres aos promotores públicos o Plan Estatal de Vivenda para o próximo lustro. Na conferencia de prensa posterior, a ministra asegurou que para, garantir o dereito, "non se pode deixar da man do mercado, non se pode deixar aos particulares".

Ás comunidades autónomas, que son as que terán que aplicar o plan, convocounas o xoves da semana que vén. A conselleira galega do ramo acudirá ao ministerio, para expor as súas críticas ao texto. Tamén solicitou unha reunión bilateral previa, para explicarlle as súas propostas. Para María Martínez Allegue, "o problema da vivenda non se soluciona só con axudas ao alugueiro, hai que construír vivenda".

O plan prevé un investimento de 7.000 millóns de euros en cinco anos, que terían que achegar, nun 40 %, as comunidades autónomas. Segundo a ministra Isabel Rodríguez, "ten que ser unha colaboración leal, tal e como nos mandata a Constitución".

No caso de Galicia, significaría quintuplicar o investimento actual, un esforzo orzamentario que a Xunta, asegura María Martínez Allegue, "por suposto, está disposta a asumir (...) pero o que non pode ser é que se nos diga en que temos que cofinanciar sen estar de acordo".

A Xunta cre que este plan invade as súas competencias e que "chega ao absurdo de que nos indica ás comunidades autónomas como temos que contratar as obras", segundo a conselleira de Vivenda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade